
Escribo unha vez máis contra eles. Contra os lumes que queiman o noso futuro. Contra os que venden a súa alma e queren vender a nosa tamén. Contra os que incendian e contra os que consenten. Contra os cómplices. Contra os lóstregos e as condicións climáticas. Contra o esquecemento do monte. Escribo unha vez máis contra eles. E grito que non van vencer, porque venceremos nós. E proclamo o vento da esperanza enchendo de verde o malva do solpor tan lindo- nas terras do noroeste: Galicia alta. Escribo aquí para dicir non á derrota de cada inverno, que son os meses de calor que sufrimos estío tras estío. Os meses que rompen os nosos ecosistemas, ensucian a nosa auga, contaminan o aire… os que nos envelenan. Porque cando arde o monte todos perdemos, e non só perdemos madeira, osíxeno, protección, beleza. Perdemos a dignidade e o respecto por nós mesmos. Perdemos a liberdade e perdemos o rostro. É un asunto económico, pero tamén social, cultural, sanitario. Un asunto entre o lume e nós. Cando Ulises viaxaba a Ítaca pensaba que a súa era a patria máis fermosa do mundo coñecido, que daquela non era máis amplo que a nosa pequena e gran terra. Todos nós somos Ulises. Os que proclamamos e cantamos (outra vez, outra vez) un porvir sen lágrimas. Polo tanto, reclamo librármonos definitivamente desta miseria. Dende a Auria de Blanco Amor e Otero Pedrayo, dende o Verín de Taboada Chivite, dende o Courel de Novoneyra e o Barco de Gurriarán proclamo este verso de esperanza para vencer ao infortunio. Somos un país que leva anos loitando contra a adversidade. Un país con instinto suicida que, no límite do abismo, recúa e aposta pola supervivencia. Malditos sexan os incendios.