
De Isabel I de Inglaterra (1533- 1603) díxose que fora a mellor das raíñas e a peor das mulleres. De Isabel II, a opinión unánime é que foi unha raíña exemplar: ninguén cumpriu máis estritamente nin se axustou mellor que ela aos deberes e normas do seu cargo. Isabel II foi raíña por encima de todo; por encima da súa condición de filla, nai, esposa, irmá e, mesmo, muller. Foi a encarnación da realeza. E cando tivo que enfrontarse a transos nos que esas condicións chocaban cos deberes da monarquía, estes impuxéronse aos seus sentimentos. A dor pola morte do seu pai quedou oculto pola entrega inmediata ás súas obrigacións de herdeira do trono; os problemas do seu matrimonio, ente eles o desexo de poder do seu esposo, non puideron movela da súa postura de raíña de Inglaterra: o duque de Edimburgo nunca foi rei consorte. O seu erro ao atrasar a súa aparición pública cando morreu Lady Di emendouno facéndolle un funeral de Estado e inclinando a cabeza ao paso do féretro daquela muller que non dubidou en poñer en grave perigo a monarquía. Era o que as circunstancias esixían e fíxoo. Non apoiou á súa irmá cando quixo casar co capitán Peter Townsend, divorciado. Os posteriores divorcios dos seus propios fillos creo que lle demostraron que non era necesario aquel sacrificio: o ano pasado anunciou publicamente a súa aceptación de Camilla Parker Bowles ao declarar que era «o seu sincero desexo» que, tras a súa morte, «Camilla sexa coñecida como reina consorte mentres continúa co seu leal servizo».
Do que pasaba polo seu interior cando a soas abandonaba o seu papel de raíña non sabemos nada. Agora a función terminou e recibe os aplausos que se gañou ao longo de setenta anos. Descanse en paz.