Impostos. Autonomía. Eleccións

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

27 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Margaret Thatcher quixo baixar impostos, enfrontarse aos sindicatos e privatizar compañías públicas, os seus ministros máis veteranos rebeláronse publicamente contra ela como saben facer os tories británicos de alta estirpe. O que ela quería, dicían os rebeldes, era froito da súa inexperiencia e contrario, por inesperado e radical, ao que se esperaba dun conservador británico. Ela rebelouse contra aqueles homes e, como muller de clase media de tendeiros moi relixiosos, contra aqueles aristócratas. Baixar impostos foi o mantra do que os seus propagandistas alcumaron á revolución conservadora, quitándolle ao termo revolución a connotación que tivera por douscentos anos. Ela e Reagan impuxeron un modelo que tivo alumnos máis avantaxados no Chile dos anos oitenta ou mesmo na España dos noventa que nos seus propios estados, na Francia ou na Alemaña, onde o sector público segue sendo moito máis importante que en España ou Chile. Non pagar impostos para que o diñeiro quede nas mans dos particulares foi o distintivo da dereita española das últimas tres décadas. Aínda que só beneficie aos moi ricos, que aquí riquiños sómosche todos.

 

 

Estes días, desatouse un vendaval impositivo electoral que ameaza levarse por diante cousas importantes. O vendaval é moi ideolóxico porque non parte dos principios e as necesidades do momento para construír propostas, senón do debuxo do contrario como un garabato do que diferenciarse. Tampouco pensa no futuro. Non estamos nos anos noventa, senón na crise que lle pon fin a aquela ilusión, baseada nun estado do benestar forte, unha administración estatal sólida e unha enerxía barata e en crecemento. Agora todo o importante e necesario está en risco: a sanidade e a educación pública que favorecen a igualdade, tamén a paz e con ela a liberdade. O primeiro depende de nós o segundo non só. A fraternidade pode mudar de sentido en Italia.

Que o importante corra perigo é propio dos momentos de crise: vémolo do Reino Unido a Ucraína pasando por Italia. Tanto ten o contexto, cando por riba da política está o slogan ideolóxico: «baixar impostos é a solución», aínda que xa ninguén pense que é progresista. O vendaval destes días tamén arremuíña contra a autonomía fiscal. Algúns centro-progresistas propoñen subverter a capacidade normativa das autonomías nun alarde de paternalismo. Aínda non deberon entender a relación entre democracia, representación e impostos que está na base do sistema parlamentario representativo. Nin os electores andaluces e galegos son menos listos que eles, nin tampouco necesitan que ninguén os salve. Poden salvarse eles mesmos votando. Depende de que a oposición política o faga mellor e convenza máis, tamén que mobilice máis, organice máis, amplíe a súa base electoral, entre os vasos capilares da sociedade civil e, sobre todo, que faga pensar á xente —á maioría— en que vai quedar para o público cando todo sexa particular.