
Todos os rusos que eu coñecín exiliáronse voluntariamente e dicían pestes sobre Putin. Pero no verán de 2021 coñecín a Irina, que é ardente defensora da súa persoa e do seu réxime. Ela vivía en Ucraína, na zona pro rusa, e conta horrores sobre Zelenski e da súa policía que, segundo dixo, asasinara a membros da súa familia. Un día anunciou que se ía organizar «unha boa» e que Zelenski e os seus ían pagar polo que fixeran.
Debo dicir, para que se entenda a falta de matices dos comentarios, que as conversacións con Irina teñen lugar no mar, a uns 200 metros da costa, nunha parte acoutada para nadadores expertos. Alí, tres amigas que nadan con rulos que as sosteñen, páranse a charlar con Irina, que vén desde outro punto da costa alacantina. Ela é simpática e non se molesta polos comentarios contra Putin, e explícanos o moito que el fixo por Rusia e como está a tratar de salvar aos pro rusos que viven en terras de Ucraína, terras que non son de Ucraína senón roubadas a Rusia. Sobre os oligarcas que se manifestaron contra a invasión e que morreron en estrañas circunstancias dixo que os mataran «os americanos» e engadiu que o que pasaba é que os medios informativos da Unión Europea só din o que Estados Unidos quere que se diga. Ese día eu abandonei o faladoiro arrepiada polo que considerei o seu fanatismo. Pero, mentres nadaba ata a costa, tiven tempo de reflexionar sobre o escaso efecto que, nas democracias occidentais, incluído o noso país, producen as ideas difundidas por medios independentes, comparado co enorme poder que exercen as canles manexadas desde o poder. E non é que estea de acordo con Irina, pero agora compréndoa mellor.