Esta semana chegáronme varias mensaxes de amigos anglofalantes co enlace a unha noticia do xornal británico The Guardian que se facía eco da exhumación do cadáver de Xohan Marinho, parente de Pedro Álvarez de Soutomaior (tamén coñecido como Pedro Madruga). O titular era Researchers in Galicia open 15th-century tomb to test Columbus link theory, algo así como Investigadores en Galicia abren unha tumba do século XV para probar a teoría da orixe de Colón, e facía referencia á nova publicada en La Voz de Galicia, que describía os traballos desenvolvidos na igrexa de San Martiño de Sobrán (Vilagarcía) polo arqueólogo Mateo Fontán e a catedrática de antropoloxía física da Universidade de Granada, Inmaculada Alemán. Traballos relacionados cunha das teorías sobre a orixe de Cristovo Colón, neste caso a teoría que defende a Asociación Cristóbal Colón Gallego, que promove esta investigación coa intención de conseguir o ADN dun familiar de Pedro Madruga, para así cotexalo co ADN de Colón recollido no sepulcro de Sevilla polo equipo do profesor José Antonio Lorente, e confirmar ou desmentir a teoría de que Madruga e Colón eran a mesma persoa. Pois como dicía o arqueólogo Antonio Castro nunha entrevista radiofónica, as teorías do Colón galego nacen con Celso García de la Riega a finais do século XIX, pero é Alfonso Philippot o que suxire que «no momento da desaparición de Pedro Madruga, xusto aparece a figura de Cristovo Colón».
A historia en si é fascinante, e xérame unha curiosidade estraña, pois na era na que as estatuas de Colón (como símbolo) están sendo cuestionadas arredor do mundo, pregúntome que faríamos co Colón galego en Galicia...