Manuel Murguía

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

EDUARDO PEREZ

29 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro mércores, 1 de febreiro, fanse cen anos do pasamento de Manuel Murguía (Arteixo, 1833-A Coruña, 1923), historiador, ensaísta, publicista, home de Rosalía de Castro, primeiro presidente da Real Academia Galega, figura fundamental para o desenvolvemento do tempo histórico que entre nós denominamos o Rexurdimento. Literariamente, falamos sempre de Rosalía, Curros Enríquez e Eduardo Pondal, o triunvirato, mais a forte personalidade de Murguía estaba detrás. El foi quen construíu o discurso das nosas letras contemporáneas e mesmo da nosa identidade política como nación, patria diferenciada, retomando tradicións precedentes, os ilustrados sobre todo, mais dotándoas dunha nova perspectiva. O seu labor como historiador chantou os alicerces dunha nova maneira de entender o país, cunha obra enorme que non se reduce aos volumes da súa Historia de Galicia, vai moito máis alá, espallada en ensaios, discursos, artigos, colaboracións en prensa e, sobre todo, iniciativas como a Real Academia Galega (1906) que presidiu ata o seu falecemento. O profesor Barreiro Fernández escribiu a máis cumprida biografía do noso persoeiro (Galaxia, 2012) e publicou, xunto co académico Xosé Luís Axeitos, a súa correspondencia, depositada nos arquivos da RAG. 

Nalgúns aspectos, a súa obra merece ser revisada, pois cada tempo esixe unha nova consideración crítica: a súa visión da raza e o seu antisemitismo, por exemplo, o seu celtismo case que fetichista, certas filias e certas fobias cara aos seus contemporáneos… Mais, no seu conxunto, o seu labor foi fundamental e a súa significación, enorme. Non só como investigador, senón como publicista. A edición de Los precursores en 1886, poucos meses despois do pasamento de Rosalía de Castro, pon as bases da nómina sobre a que aínda hoxe construímos aquel impulso histórico. O seu labor á fronte de cabeceiras periódicas como La Oliva, El Miño, Diario de La Coruña, La Ilustración Gallega y Asturiana, onde se publica, en forma de folletón, a primeira novela moderna en lingua galega: Magina ou a filla espúrea, de Marcial Valladares, serviu de eficacísima plataforma de difusión dos principios do galeguismo liberal e, en certa maneira, do galeguismo moderno.

Directa ou indirectamente, a el lle debemos os símbolos de referencia da patria (a bandeira, o himno), ou mesmo a propia significación de Rosalía de Castro, da súa figura e da súa obra. Sen desmerecer en absoluto os méritos da escritora, Murguía erixiuse dende o primeiro momento como gran difusor da figura rosaliana, incluso da construción do mito arredor da autora de Cantares Gallegos, moi principalmente logo do seu pasamento e do posterior e solemne traslado dos seus restos dende Adina (Iria Flavia) a Santiago de Compostela (San Domingos de Bonaval) en maio de 1891. Sen Manuel Murguía, Rosalía tamén sería distinta.