Irán e a  costa da morte

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

POOL | REUTERS

07 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Simultaneamente soubemos do regreso de Ana Baneira dende un cárcere de Irán, da morte de 68 persoas, moitas delas mulleres iranias, no naufraxio dun barco de persoas que procuraban unha terra de acollida e tamén dos misteriosos envelenamentos con gas tóxico en escolas de nenas de Irán. As tres noticias deben de relacionarse.

Ana Baneira, repatriada pola intervención exterior do Goberno español, fora detida mentres percorría Irán coincidindo coas protestas contra a ditadura relixiosa daquel país sucedidas despois da morte de Mahsa Amini nunha comisaría onde fora detida por non levar o veo obrigatorio. Dende que se iniciaron as protestas en setembro houbo miles de detidos, morreron centos de manifestantes e varios foron exemplarmente condenados a morte por tribunais islámicos. Despois de meses de protestas, hai uns días comezaron estes misteriosos envelenamentos de centos de adolescentes que parecen ter unha relación con todo isto que non se pode precisar, pero que se pode supoñer. O que si sabemos certo é que a corrente de refuxiados —cada vez máis mulleres— que intenta fuxir a través do Mediterráneo e chegar ás costas europeas, ten relación co que pasa en Irán, cunha situación equiparable en Afganistán e máis coa de guerra en Siria.

A costa da morte está nas augas italianas, gregas e españolas do Mediterráneo, non nas costas atlánticas onde a quixo situar a superstición da Armada británica. A noticia da lancha que tronzou ao chegar a unha praia de Calabria sen que as autoridades italianas cumpriran co seu deber de salvamento marítimo é das tres noticias referidas a que ten directamente que ver connosco e da que somos responsables como europeos. Sei que o novo Goberno italiano trata estes casos de lanchas cargadas de persoas que buscan refuxio que se aproximan ás súas costas como un asunto de orde pública e non de auxilio a náufragos. Chegar ao século XXI e á era da revolución dixital para iso dá medo.

Segundo cálculos independentes, só no Mediterráneo central morreron máis de 20.000 persoas intentando chegar ás costas europeas durante os últimos dez anos. Moitos milleiros máis o conseguiron e están traballando entre nós. Non sei cal é a solución a toda esta corrente que xa ten varias décadas, pero estarán de acordo en que velos morrer en directo seguro que non. Pode que para o chauvinismo racista italiano, grego, francés ou español sexa asumible, pero para a humanidade non pode selo. Non é necesario crer en ningún deus, nin albergar sentimentos relixiosos para entender que non podemos asumir esta matanza diaria. Nun futuro moi próximo arrepentirémonos de non mover unha palla diante de tanta morte, como se arrepentiron os que non fixeron nada cando a persecución dos xudeus durante o nazi-fascismo.

A maioría das mortas no naufraxio da praia de Calabria eran mulleres iranianas, afganas, sirias e paquistanís que buscaban refuxio para escapar do mesmo que con razón salvamos a Ana Baneira. Por iso mulleres como Ana Baneira son importantes. O que nós pensemos, digamos e fagamos tamén o é.