O feminismo non responde a pronomes
OPINIÓN
En primeiro lugar, gustaríame adiantar que o movemento feminista, como tal, non está dividido. Ten dende a súa orixe como obxectivo único a emancipación da muller. Ese ruxe ruxe de fondo responde a un fenómeno de «entrismo» —ao que se refire frecuentemente Amelia Valcárcel— de colectivos con axendas propias e, en moitos aspectos, antagónicas aos principios do feminismo que pretenden substituír a axenda feminista pola súa.
Imaxinas que ao movemento obreiro se lle esixira a defensa dos intereses da patronal? Pois eses colectivos pretenden que o feminismo branquee e mesmo considere empoderante a explotación sexual ou reprodutiva da muller, ou a sacralización da cultura de roles na que se basea a desigualdade social.
O feminismo non responde a modas, nin pronomes, igual que tampouco o fai a desigualdade estrutural ou a violencia machista.
No que respecta ás mobilizacións programadas para este 8 de marzo, o bloque abolicionista vai incorporarse ás marchas xerais, identificándose coas súas bandeiras verdes, as súas faixas e as súas consignas. A nosa convocatoria diferenciada refírese unicamente á lectura do manifesto, que no noso caso será abolicionista, como cabe agardar do noso movemento.