Por que o PP nunca gaña as municipais en Galicia?

OPINIÓN

30 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestas eleccións non gañaron todos os partidos. As municipais son as típicas eleccións nas que todos buscan argumentos e concellos para aparentar vitoria. Compre mirar máis aló da propaganda. Algúns perderon, outros desapareceron e algúns avanzaron. En concelleiros, o BNG aumentou 134, o PP 133, o PSOE perdeu 171 e todos os outros 112.

Empezando pola dereita, os de Cidadáns perderon o pouco sitio que tiñan, tan liberais no individual como nostálxicos do centralismo preconstitucional, en Galicia nunca chegaron a Cidadáns. Os neofalanxistas seguen na lama da currada, sen entrar en ningún concello. Un éxito da civilización e dun bo xeito que en Ourense foise polo río abaixo, levado polas aspiracións dominantes de Baltar, capaces de erosionar ao PP tanto como este mesmo partido ferveu ao PSOE nas Burgas. A conclusión á vista está.

Sen aqueles cabalos de Troia, que entraron en 2009 empurrados por Rosa Díez e algúns insensatos populares de ringo-rango, estamos moito mellor. Cando menos dende un punto de vista galego e galeguista, aínda que os efectos daquilo non paran de decimar o futuro do galego como fala. Tamén está mellor o PP, que aínda así terá que preguntarse como é posible que, pese a sumar os restos dos laranxas e seguir mantendo a raia a Vox, non logre apenas mellorar o seu resultado. O Ferrol do Racing foi a excepción nas cidades e lograr arrebatarlle Ribadeo ao BNG, a consolación nas vilas. E logo está Ourense para obrigarlles a pensar que o problema non é o sistema electoral. A situación das dereitas en Galicia, reunidas no PP, plantexa un aberto panorama cara as vindeiras eleccións galegas.

As candidaturas do PSOE resistiron agás en Santiago e Ourense, onde presentaron candidatos sobrepasados polo tempo. Perder a Deputación de Pontevedra é unha pexa para Abel Caballero, un alcalde de vello estilo que encaixa neste tempo populista, pero favorecerá o peso dos e das socialistas que gañan no norte. Besteiro e Formoso terano máis doado cara as eleccións galegas cando superen o mal trago estatal e mesmo para contribuír a superalo.

O Bloque Nacionalista Galego de Ana Pontón —ese, non outro—, confirma que segue co vento nas velas e o trunfo de Goretti en Santiago certifícao, coa inestimable axuda de Luis Zahera. Anuncio do que pode seguir sumando cara as galegas e de por onde facelo. De entrada, polos outros. A estas alturas, o BNG demostrou ser como un elefante: difícil de mover se queren empurralo, pero capaz de esmagar a quen se lle quede parado diante. Tomo a figura da que o reitor Villares usou para definir á Universidade de Santiago.