Twitter ten mala uva

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

María Pedreda

13 jun 2023 . Actualizado a las 16:02 h.

Twitter ten mala uva. E o que quere é que a teñamos todos. Así se desprende dun estudo feito por dúas universidades estadounidenses, Cornell e Berkeley, que conseguiron demostrar que o algoritmo do xoguete de Elon Musk lle envía a cada usuario chíos que «expresan irá e polarización», segundo recollen os investigadores. O estudo sinala que o algoritmo de Twitter fai que lle saian ás usuarias e usuarios, chíos que lle fan ver o mundo como un lugar complexo, bronco, pelexado. E que un recibe, grazas ao algoritmo, chíos de xente que pensa moi diferente para que así un se cabree máis aínda.

O asunto non é novo. Hai ben de anos que outros estudos (sempre nos Estados Unidos; alí inventan as redes sociais ao tempo que analizan o seu propio desastre) conseguiron demostrar que cando un ía chimpando dun vídeo de YouTube a outro (vídeos de temas sociais, non de gatiños facendo gatadas), seguindo as suxestións do algoritmo, en poucos clics, xa estaba recibindo información sobre grupos neonazis, racistas ou yihadistas. O algoritmo levábache axiña a verdadeiras animaladas que, por suposto, te polarizaban ata a derradeira célula de mala uva, ganas de facer algunha barrabasada ou o peor, ganas de te facer adepto desas cousas. O asunto está máis ou menos corrixido, mais o certo é que as redes sociais están inzadas, máis que dos gatiños inocentes aos que antes facía referencia, dun discurso salvaxe e tendente á bronca social.

Todo está relacionado. A sociedade está polarizada, por suposto. Os votantes dun partido político cada vez se asemellan máis a hooligans irracionais do fútbol. Nesa liña, os nosos políticos abandonan os discursos racionais para excitar emocións. Iso dá votos. E cales son as emocións máis doadas de excitar?: o medo ao diferente, o odio a quen non pensa coma nós. Así pois, as redes sociais, onde todas e todos vivimos, renuncian ao fermoso papel que podían desenvolver, permitindo un diálogo democrático global, para apostar polo máis sinxelo: a bronca. Porque sempre é máis fácil exterminar ao diferente que establecer un diálogo construtivo que nos achegue, respectando as diferenzas, a un lugar de convivencia común. Iso hoxe sábeno os que fan a política. E xa lles importa máis Twitter que o Telexornal.

Queda por contestar a pregunta crucial, que é saber por que Twitter, onde se informan, conversan, disputan e se relacionan a cada segundo millóns de seres humanos, opta por manter un algoritmo desas características. Para min a resposta é obvia: é o que se quere. Lea, pelexa, bronca, irracionalidade. Para o capitalismo salvaxe é o mellor. Canta máis violencia, máis control. Canto máis control, máis beneficios.