
Son poucos en conxunto, en Galicia menos que poucos. Importa o que din cos seus votos porque todo grupo de cidadáns —partido— que logra representación nas democracias liberais con sistemas representativos debe ser atendido por definición. Atendido e entendido. Suman votos e logran representantes para intervir e influír nos asuntos públicos, na política. Debería ser innecesario dicir todo isto pero non o é. Debemos preguntarnos quen son e que queren, como aparecen e chegan ás institucións, para intentar entender por que agora e por que aquí. A resposta require unha análise complexa. Conformémonos coa pregunta para recoñecer que temos un problema.
A democracia liberal ten un problema cando algúns representantes dos cidadáns defenden a opción de limitar a democracia: reducir o pluralismo e a representación, ilegalizar partidos, restrinxir liberdades, anular dereitos. Non falo da súa ideoloxía racista, da súa distinción entre malos e bos españois, das señardades imperiais, da negación do cambio climático ou do seu machismo ancestral. Tampouco das políticas que promoven: defender a agricultura máis contaminante, entender como cultura a exhibición da matanza pública de bovinos, querer ilegalizar o aborto e a eutanasia. Por moito que discrepe desas ideoloxías ou deteste esas políticas, o preocupante é que queren limitar resortes da liberdade, a igualdade e a fraternidade, que dende hai douscentos anos definen o liberalismo, e queren coartar a democracia como sistema representativo que permite o goberno do pobo.
Quen son os votantes de Vox? Os novos podemos imaxinalos: mozos cabreados, votantes desencantados, imbuídos dun neonacionalismo estatalista que percorre Europa, saído das gradas dos estadios e das butacas dalgúns palcos, tan xenófobo como o antigo, agora enfrontado a unha Europa pluricultural e multiétnica, en vez de imperial.
Para entender eses novos votantes nesta Europa de 2023 hai que lembrar aos vellos que coñecemos. Hai que facer memoria. Coñecémolos ben porque sempre estiveron entre nós, sen partidos recoñecibles nin líderes dende Blas Piñar. Eran os que tiñan no bar a foto de Franco e puxeron a de Tejero, admiraron a Gil y Gil ou votaron a Ruiz Mateos, insultaban aos «moros» e aos «monos», o machista que esbardallaba contra as mulleres na barra do bar. Os que dicían que o galego era un dialecto, o euskera inútil e o catalán fálase para amolar, que en España só se debería falar o español —nunca castelán—. Por aquí só aparecían no verán, non eran moitos pero estaban aí e agora teñen condicións, partido e líderes novos.
Pactar con Vox non ten desculpa: «ni el agua del Jordán nos hubiera lavado», escribiron as mocidades da dereita católica (JAP) de Compostela en febreiro de 1936, nun panfleto titulado «Por qué Gil Robles no ha dado un golpe de Estado». A evidencia documental desmonta mentiras que constrúen o pasado. Mentiras tan grandes como a ignorancia de non saber que no Goberno de 1936 só había ministros republicanos burgueses moderados. As mentiras tamén poden construír o presente.