Ensinar galego a nenos castelanfalantes?
![María López Sández](https://img.lavdg.com/sc/dxERfjlqS764vo-ZJLDTrkeMFKE=/75x75/perfiles/1546962240755/1546962362718_thumb.jpg)
OPINIÓN
![](https://img.lavdg.com/sc/gmoaUgb0EhKZniuT1umOzuzBcoA=/480x/2023/08/08/00121691506982195555764/Foto/X04L5384.jpg)
Durante moitos anos, o debate arredor do idioma centrouse nos procesos de normativización e normalización. Sendo o galego a lingua maioritaria da poboación, a distribución dos seus usos, pola contra, respondía a un patrón diglósico. Había que facer do galego unha lingua de uso normal en todos os contextos e para iso precisábase dunha norma culta e dunha variedade estándar.
Boa parte dos terreos vedados durante o franquismo (a educación, a administración, o discurso público, os ámbitos cultos) foron conquistándose aos poucos; máis, de xeito inverso, houbo un retroceso no uso espontáneo entre a xente nova, como resultado da creba da transmisión interxeracional e da presenza masiva dos medios de comunicación nos que imperan outros idiomas. Cómpre, pois, sen renunciarmos ao camiño andado, comezarmos a pensar en termos de revitalización, de extensión do neofalantismo como un mecanismo necesario para a preservación da lingua propia de Galicia. Agora cómpre pór o foco sobre a educación infantil e sobre os contidos culturais para a infancia. Porque, por paradoxal que pareza, a escola segue funcionando como un elemento castelanizador e de perda de falantes iniciais; cando, pola contra, podería e debería xogar un papel esencial na preservación do idioma e no seu ofrecemento a aqueles que xa non o recibiron por vía familiar. Ademais, ao saíren da escola, esas nenas e nenos deberían ter opcións de seguiren xogando ou lendo e vendo historias en galego. É incrible que teñamos que seguir tendo saudades do Xabarín Club.
A preservación do noso idioma pasa por que as familias comprendan que os autentos bilingües, con plenas competencias nas dúas linguas oficiais, son os galegofalantes iniciais e implica que as institucións educativas asuman que, na situación actual, cómpre unha educación infantil na lingua propia, que facilite que a socialización inicial se estableza en galego. Doutro xeito, unha vez que no patio, nos xogos, adopten o castelán como lingua de comunicación, de pouco servirá que na educación primaria se fagan cálculos de porcentaxes de distribución, afectados en todo caso polo marco plurilingüe e por limitacións expresas para o galego en materias científicas esenciais para o prestixio da lingua. Todos os países prósperos e ata estados recentes e ben máis pobres, coma Timor-Leste, apostan por unha educación inicial en cada unha das súas numerosas linguas propias.
Falarmos aos nenos e nenas en galego, desde a sociedade e desde a escola, é un acto de amor e de orgullo.