Accidente aéreo

OPINIÓN

XOSÉ CASTRO

23 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo o mundo que coñeceu a miña sogra tivo mostras máis ca palpables da súa xenerosidade. Iso si, entre as súas eivas estaban dous pánicos insuperables: as serpes e os avións. Co dos ofidios nada puidemos facer, pero co asunto de voar si rematamos por convencela cando lle confirmamos que, no caso de morte nun accidente aéreo, a familia obtería unha indemnización que, daquela, superaba os trinta millóns das antigas pesetas. Esa certeza conxugou a súa xenerosidade e, máis dunha vez, vímola subir mesmo con alegría aos avións. Vén isto a conto porque estes días os medios lembran o cincuentenario do accidente aéreo de Montrove onde morreron 85 persoas, entre as que estaban Elvira Suárez e Manuel Abeleira, un matrimonio cullerdense procedente de Caracas que viña coa ilusión da volta definitiva. Eran os avós do poeta amigo Xoán Abeleira, que me regalou a súa memoria para lles dar forma a uns personaxes nunha miña novela. Cando a escribín, imaxinei os intres previos ao accidente e deille formato á ledicia que deberon de sentir antes de veren as Mariñas coma nun mapamundi activo, as fragas de Cecebre, o campo de fútbol do Celta de Rutis, do que Manuel fora presidente en tempos da Segunda República, a ponte do Burgo, a fábrica da Cros, os pavillóns xeométricos da Universidade Laboral e mesmo a súa vella casiña de Vilaboa. Se cadra, a miña imaxinación esaxerou e deixouse levar por un exceso emocionado porque o certo é que ese día seica había unha néboa mesta, en parte culpable do accidente. Con todo, sen saber se en 1973 había algún tipo de indemnización para as vítimas aéreas, vaia este texto coma unha nova homenaxe para toda esa xente e, tamén, para a miña sogra, que finalmente non morreu no aire senón nunha cama.