
Viaxar é outra forma de vivir o presente. Ao mudar de xeografía pódese experimentar as similitudes e contrastes entre un contorno habitual que chega a resultar reiterativo e unha miscelánea de elementos que nos axudan a albiscar as luces e sombras do mundo de hoxe.
Permítaseme unha licenza literaria: todas as cidades prósperas son parecidas; as infortunadas son cada unha á súa maneira. As primeiras tenden a medrar organicamente, con barrios enlazados por rúas e prazas, as outras fano como poden, de forma fragmentaria, por simple adición. A cidade, de seu, segrega os de fóra, os diferentes, os estraños que, contraditoriamente, necesita para vivir. Nese terreo está o desafío político máis importante.
Serei quen de articular os apuntamentos que veño de recoller nas tres capitais de Euskadi? Coñézoas de hai moito tempo e visiteinas repetidas veces. Cal é hoxe, para min, o rostro de Vitoria, Bilbao e Donostia?
A capital alavesa recíbenos co sosego característico. Percíbese a simple vista o valor de preservar o ambiente rodeándose cun anel verde, a modo de tapiz natural integrador das periferias que convida a camiñar. A catedral, que estaba en risco de colapso, continúa a restauración iniciada hai dúas décadas; é unha visita obrigada.
En Bilbao o efecto Guggenheim mantense activo, como unha compulsión que se tranquiliza ao achegarse ao Museo de Belas Artes, cun proxecto expositivo a un tempo didáctico e suxestivo. Remontando a ribeira, San Francisco, que antes era un barrio impenetrable, mostra o resultado das decididas operacións de rehabilitación urbana e social.
Donostia segue abrazando a baía con liñas de edificación contidas que van remontando as ladeiras. Vén ser a xoia da coroa euscalduna, con esa elegancia natural que a afluencia do turismo aínda non foi quen de erosionar. Sorprende esa dualidade guipuscoana, a un tempo tan burguesa e tan abertzale. O Kursaal está preparado para acoller a envexable Quincena Musical.
Co paso dos anos, as grandes transformacións urbanas do último período do século XX, integradas xa no tecido tradicional, parecen máis domésticas. Os obxectivos deste momento encamíñanse a enfrontar os usos dos novos moradores, a vivenda, a mobilidade e a calidade do ambiente. A cultura é un denominador común, concertando a propia con propostas de marcado cuño cosmopolita. Sentado nun banco do paseo da Concha cavilaba, unha vez máis, que Compostela non pode renunciar a volver a ser unha capital europea da cultura.