Bebés decapitados

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

21 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, é muller sensible e, ao saber que os terroristas de Hamás degolaron 40 bebés e destriparon non sei cantas mulleres grávidas no brutal ataque a Israel, dixo chea de carraxe: «Ya están las imágenes de bebés decapitados y quemados; de madres embarazadas a las que han abierto el vientre y apuñalado al feto». E engadiu: «Es propio no de animales, sino de bestias. Y esto es lo que yo condeno».

E eu tamén, e calquera persoa de ben. O que pasa é que as imaxes non están. E non están porque non existen. E non existen porque a información que conmoveu a Díaz Ayuso é falsa. Eu estou certo de que os yihadistas de Hamás poden descabezar 40 bebés e comelos crus, pero neste ataque a Israel non o fixeron. Tamén o presidente de EE.UU. creu o bulo e foi máis aló que Díaz Ayuso ao afirmar que vira as fotos: «Nunca pensei que vería imaxes de terroristas degolando nenos». Non as viu, pero díxoo e o seu equipo buliu a deshacer el entuerto aclarando que non vira nada.

A primeira vítima das guerras é a verdade, si; e se anda por medio Netanyahu, o presidente de Israel, cómpre esperar o maior despropósito. A trola empezou cando unha xornalista israelí —por inexperiencia ou porque é dos profesionais que «canto máis sensacionalista, mellor»— publicou, sen contrastalo, que un soldado vira 40 bebés descabezados. A Netanyahu abondoulle. Lanzou o bulo e Biden e Díaz Ayuso picaron e crérono. Netanyahu é tan troleiro coma o seu amigo Trump e coma el non pon límite á mentira. Agora foi a dos bebés decapitados, pero moitos recordamos o Congreso Sionista Mundial celebrado en Xerusalén, en outubro de 2015, no que responsabilizou do Holocausto aos palestinos. «Hitler —dixo— quería expulsar os xudeus de Europa, pero o gran muftí de Xerusalén, Haj Amin al Husseini, convenceuno para poñer en marcha a Solución Final».

O muftí Haj Amin al Husseini foi un líder palestino radical con responsabilidade na masacre de xudeus en Hebrón, en 1929; un nazi que colaborou militarmente con Hitler e tivo a honra de ser recibido por el en 1941. Os investigadores din que o muftí animou o Führer a acadar o exterminio total dos xudeus, pero tamén afirman que non influíu nel porque a solución final fora decidida moito antes. Así llo explicaron a Netanyahu, pero a el tanto lle ten. Tamén a Díaz Ayuso e outros dirixentes do PP tanto lles ten que as vítimas do terror de Hamás en Israel sexan igual de vítimas que as do terror israelí en Gaza. Aprenderon a dicir que o Goberno de Sánchez anda na equidistancia entre os terroristas e as vítimas, e non hai quen os apee. Ou non dan para máis, ou non queren ser menos.