As dúas beiras do mundo

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

David Fernández

22 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño diante de min o novo libro de María Rosa Iglesias, Jugarse en otra orilla, muller emigrante que con apenas cinco anos marchou (levárona) dende a súa aldea de Marrozos, a carón de Compostela, aos peiraos de Buenos Aires, como tantos galegos e galegas. Como o meu avó Saturno, que aló marchou tamén nos primeiros anos do pasado século. Como a meirande parte dos veciños da aldea onde vivo, que teñen todos familia na capital arxentina e case todos viviron anos naquela emigración. A meirande parte dos nosos avós, que saían das aldeas para aquela parte do mundo, ficaron en Buenos Aires, en Avellaneda, en Bahía Blanca… Poucos se instalaron no campo. Preferían a cidade, que entón era a gran capital das Américas, trasfegando fardos na Boca, mozos de almacén en Flores, sentinelas en hoteis de punto, cociñeiros, panadeiros, pasteleiros, taxistas, xastres, camareiros… Así empezaron todos. Os que chegaban primeiro chamaban polos que marcharon despois: irmáns, curmáns, parentes ou veciños. E todos pensando no que deixaran atrás. Na aldea sobre todo. Daquela Galicia era unha enorme aldea. O avó Saturno, que era carpinteiro, marchou dende Pontevedra e volveu dez anos despois porque non podía con aquilo. Outros, non obstante, quedaron. E crearon familias, medio mundo estaba alí!, e foron saíndo adiante como puideron, fundaron empresas, axudaron a que prosperase o país...

María Rosa volve estes días a Galicia, coa súa filla Mónica e o seu fillo Rui, e coas súas netas Antía (15 anos) e Joaquina (10 anos), non tanto para presentar o seu libro como para que as netas coñezan a casa dos avós, a súa terra de aquí, a aldea de Marrozos e mundo todo que ela, sendo unha pequeniña, deixou atrás, mais que non esqueceu nunca. No corazón de Buenos Aires hai unha pequena casa con xardín no que plantou as árbores todas da memoria, castiñeiro e froiteiras, e á que lle puxo o nome de Pequeno Marrozos. Alí recibe os seus amigos, coas portas sempre abertas.

Eu recomendo sobre todo a lectura do seu primeiro libro, Aurelia quiere oír (2019), no que recrea a súa historia de nena emigrante e a historia dos seus pais, dos seus amigos e veciños, o seu conflito como muller que padeceu dende moi nova un profundo problema de xordeira (hipoacusia) e unha parálise facial que en moitas ocasións a distanciou do mundo, mais co que aprendeu a sobrevivir e se cadra aínda a fixo máis forte. Era emocionante ver as netas, que por primeira vez nos visitan, escoitando a súa avoa falar da infancia, da súa primeira viaxe no barco, da primeira vez que soubo que ían para non volver (cando os seus pais a ingresaron na escola), da súa memoria da lingua, que foi recuperando despois, cando xa era unha muller… É moi emocionante ler a carta que lle escribe ao avó, no derradeiro capítulo do libro. Os nosos galegos e galegas hoxe votan tamén na Arxentina.