Pois non está tan mal que a dereita desafogue e tome a rúa, que tamén é deles, xa o dixo Fraga Iribarne. Necesitan esa catarse e esa lección organizativa, a ver se pensan que o sindicalismo, as mareas e os tsunamis veñen por xeración espontánea. Claro que é curioso que a dereita só se mobilice e exerza ese fermoso dereito a tomar a rúa cando sente que lle usurparon o poder que lles corresponde por orde natural. Maniféstanse contra unha lei de amnistía cuxos termos aínda descoñecemos e que aínda ten que ser votada no Parlamento. Pero fagamos historia recente e matemáticas: nas pasadas eleccións xerais gañou (ou sexa: si foi votado por unha maioría) o chamado bloque de esquerda, favorábel á cacarexada amnistía e a moitas cousas chulas das que non se fala; e non gañou o bloque da dereita. A democracia é así desde a Atenas de Pericles ata os nosos días. Claro que na Atenas de Pericles non votaban mulleres nin escravos, quizais algo que lles gustaría a eses que se manifestan por toda España cantando o Cara al sol.
O que pasa é que estamos mal afeitos. Esa Transición que á fin estamos soterrando, e coa que xa non nos identificamos a xeración que facemos anos coa Constitución, baseouse en mudar todo para que nada mudase mediante un bipartidismo absurdo que viña garantindo que as forzas vivas mantivesen a súa forza e a súa viveza. Pero España e o Parlamento mudaron, e a política era isto: chegar a acordos para formar gobernos que reflictan o que os españois votaron. E temos outra cita electoral, como moito dentro de catro anos, para mudar as cousas. Se cren que nos van convencer de que votemos mellor ondeando bandeiras preconstitucionais nas súas manifestacións para defender a Constitución, paréceme perfecto.