Himno Galego: verdade e «tradición»

Pilar García Negro PROFESORA DA UDC E ESCRITORA

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

20 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O 20 de decembro de 1907 estreouse na Habana o Himno Galego. A presenza de Curros, emigrado na illa desde 1894, simboliza a ligazón patriótico-literaria dos Restauradores: Rosalía de Castro, Pondal e Curros, da xeración seguinte a ambos. A estrea acontece 17 anos despois da xénese do himno, após a petición ad hoc que o músico Pascual Veiga fai a Eduardo Pondal en 1890. O escritor cumprimenta axiña a demanda e así fican consagradas como himno as catro primeiras estrofas do poema Os Pinos. Nos anos 90 do século pasado, o profesor e investigador Manuel Ferreiro desvendou esta historia, cerrando así un círculo de cen anos desde a súa xénese. Tal investigación permitiu estabelecer o texto fidedigno da letra verdadeira, a que Pondal, con mestría de alto poeta, compuxera e a que, en 1984, non puideran utilizar os redactores da Lei de Símbolos de Galicia (Lei 5/1984), por manexaren edicións que repetían erros de sucesivas transcricións. Erros que padeceron outros textos clásicos, por factores varios: descoñecemento dos impresores, falta de control directo dos autores, ignorancia do idioma, etcétera. Sirva de exemplo, entre millenta máis, o verso rosaliano «cal eu te vira», reproducido nalgunha edición como «calente vira» (?!). Cando o recitamos ou cantamos debemos saber, pois, que o himno fala «do teu verdor cinxido» (non «cinguido»); de «valeroso clan» (non «chan»); de «mas sós os ignorantes» (non «iñorantes»); de «férridos» (non «féridos»). A necesidade da restauración da letra auténtica —acompañada sempre da precisión de o coñecermos e cantarmos íntegro, desde «¿Que din os rumorosos» até «nazón de Breogán»— chegou ao Parlamento xa en 1996 (quen tiver curiosidade polo periplo na Cámara pode ler o meu opúsculo Himno galego: unha historia parlamentar (inconclusa), de 2017, centenario da morte de Pondal). En 2022, o catedrático M. Ferreiro defendeu a iniciativa lexislativa popular, avalada por miles de sinaturas e promovida por Vía Galega e Galiza Cultura coa mesma finalidade restauradora. De aquí derivou a creación dunha comisión (recentemente constituída) para proceder, máis unha vez, ao estudo da cuestión. Facemos votos por que culmine os seus traballos canto antes e poidamos, por fin, ver reproducida na lei a letra verdadeira. A «tradición» deturpada cómpre corrixila, en ben dun símbolo máximo que a todos compete. Agora, por exemplo, celebramos o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro o día 23 de febreiro, non o 24, como durante moitos anos, por ser aquela a data verdadeira. Modifícase a «tradición» en ben da verdade histórica. O mesmo debe acontecer co himno.