Turistas conscientes para un turismo sostible

Jakson Soares PROFESOR DO GRAO DE TURISMO DA UDC

OPINIÓN

Playa de As Catedrais
Playa de As Catedrais PEPA LOSADA

29 ene 2024 . Actualizado a las 10:51 h.

Se a sostibilidade ten tres patas —económica, social e ambiental—, diría que na experiencia turística hai unha tríade de actores responsables: visitantes, residentes e industria.

Ninguén cuestiona a capacidade do turismo para influír na economía, xa que é considerado como unha das grandes industrias mundiais. Con todo, necesita dunha planificación efectiva para xerar un impacto económico positivo no destino. Debe garantir a conservación dos atractivos, a preservación do medio ambiente, a protección das culturas e do patrimonio que visitamos.

Aínda que falar de impactos é interpretado moitas veces coma un ataque, lonxe diso, tratar do tema é unha oportunidade para identificar os problemas e ser capaces de incidir nas súas causas. Nin a comunidade nin o sector queren perder os atractivos que lles xeran beneficios económicos. Pero a conduta do viaxeiro pode ocasionar efectos non desexados, creando aversión ao turismo. Daquela, se temos en conta a sostibilidade da actividade e do medio ambiente, é necesario influír no comportamento dos e das turistas para que realicen un consumo consciente.

Xa aconteceu iso na compra de cosmética ou mesmo de alimentos. Se a xente coñece os custos da súa acción, o seu consumo é máis responsable. Por iso, traballando coa concepción do turismo consciente, entendemos que para encontrar a sostibilidade, antes habemos pasar pola concienciación sobre a incidencia que un ten nos lugares visitados. Quen fai turismo tamén é responsable da continuidade da actividade, do patrimonio e do medio ambiente.

Deste xeito, iniciativas como o Portal to Perú ou Santiago de Compostela Fráxil son dous proxectos recentes que procuran unha mellor experiencia que agregue beneficios para todos os involucrados. As dúas actúan na responsabilidade das e dos turistas para xerar a sostibilidade dos destinos patrimoniais.

O turismo consciente presenta a ética e as actitudes respectuosas de quen visita como fonte de sostibilidade do destino, dos seus atractivos e costumes. Debemos incorporar estas vivencias a un modelo alternativo de desenvolvemento, poñendo o foco na conciencia que deben ter as persoas sobre os impactos da súa viaxe. É dicir, o turismo consciente relaciónase coas persoas como a responsabilidade social o fai coas empresas. Así, para que a actividade sexa sostible, igual que non se poden separar a perspectiva económica, social e ambiental, tampouco se pode obviar a responsabilidade das persoas turistas.

Jakson Soares é coordinador do grupo de investigación en Experiencia Turística da UDC e membro do grupo de investigación en Turismo, Economía e Sostibilidade da Universidade Estatal do Ceará-Brasil