Unidade de acción, non de intimidación

Roberto García SECRETARIO XERAL DE UNIÓNS AGRARIAS

OPINIÓN

YOAN VALAT | EFE

31 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Observamos con interese e solidariedade as mobilizacións que veñen sucedendo, desde que comezou 2024, en varios países da Unión Europea, se ben somos conscientes de que, en moitos casos, as situacións dos nosos colegas europeos son substancialmente distintas ás nosas. Pero todos convivimos no mesmo espazo político e compartimos a mesma PAC. Por iso, coincidimos nas reivindicacións máis xerais.

En primeiro lugar, en reclamar unha flexibilización das esixencias ambientais da nova PAC, tras a experiencia do seu primeiro ano de aplicación, que permitiu ver os desaxustes entre a teoría dos regulamentos comunitarios e a práctica da realidade nas nosas explotacións. Moitos destes resolveríanse desde o sentido común con revisións normativas ás crecentes esixencias ambientais á actividade agraria.

Hai que garantir o equilibrio entre o trato que recibe a agricultura propia e as esixencias aos produtos que entran nos mercados europeos. Non falamos de acabar co comercio exterior, senón de que todos respondamos aos mesmos requisitos ambientais, laborais e sociais.

Tamén compartimos as reivindicacións escoitadas en Francia e Alemaña cando se fala de simplificación administrativa nas desesperantes xestións burocráticas derivadas da PAC, pero tamén somos conscientes de que estamos a falar de cuantiosos recursos públicos no marco da PAC que deben ser xestionados co máximo rigor.

O Goberno e as comunidades autónomas deben aproveitar a rede de vertebración territorial e sectorial que achegamos as organizacións agrarias, para canalizar por esta vía o asesoramento e a xestión administrativa que requiren as e os profesionais do campo. Desde Unións Agrarias sempre demos un gran valor ás mesas de negociación, o que non impide que a nosa historia estea repleta de grandes mobilizacións. Aí están desde hai anos as mobilizacións do gasóleo, con conquistas que agora reclaman en Alemaña ou loitan por evitar que desaparezan en Francia. As mobilizacións históricas, a comezos de 2020, que cristalizaron na mellora da lei da cadea alimentaria, con efectos directos sobre os prezos e os mercados. Unhas melloras que agora reclaman en Francia e Alemaña.

Polo tanto, unidade de acción si, pero sen consentir que esta mobilización común e permanente sexa enturbada con enredos que soan máis a manobras políticas que a inquedanzas profesionais. E profundo rexeitamento ás agresións físicas a camións e produtos españois no seu tránsito por Francia e ás agresións verbais e políticas, algunhas do máximo nivel, cara á agricultura e a gandería española. Os problemas que denuncian as organizacións agrarias en Francia nunca son responsabilidade nosa.