Deixar de corrixir

Juan L. Blanco Valdés BÁGOAS DE CROCODILO

OPINIÓN

Jorge Luis Borges (1899-1986).
Jorge Luis Borges (1899-1986).

06 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Como de Jorge Luis Borges poden dicirse tal cantidade de cousas, eu vou limitarme a sinalar que 1) a posteridade rexistrará a inxustiza dun Nobel non concedido; 2) é un prolífico autor de pensamentos e sentenzas célebres; 3) escribiu Emma Zunz, A escritura do deus, O xardín de sendeiros que se bifurcan e A biblioteca de babel, e a min me chega. Ao respecto da perversa relación entre cantidade e calidade, por certo, quero compartir unha idea con vostede: eu creo que Saramago e CJC merecerían o Nobel só por Ensaio sobre a cegueira e a A familia de Pascual Duarte, pois existe na literatura unha sublime calidade concentrada en obras mestras fronte a unha cantidade máis ou menos indiscriminada de obras desiguais.

De entre o seu rico inventario, os editores debemos a Borges un pensamento que, unha vez coñecín, fixen meu: Publico para deixar de corrixir Pero hai aquí unha sensible diferenza: o xenio arxentino refírese obviamente á autocorreccion, é dicir, a ilimitada vontade do creador (poeta, novelista…), que pode chegar ao nivel dunha obsesión patolóxica, de revisar ad infinitum o que escribe pois, como Jagger, xamais atopa satisfacción. Nos tempos dos manuscritos e, logo, dos mecanoscritos, a corrección sine die debía ser unha angueira para os escritores que, de tal xeito deixaron para a posteridade auténticos monumentos da ansiedade creativa en forma de borradores indescifrables ateigados de riscadas, palabras sobrescritas, esborranchos, marxes atacadas de notas en vermello, etc. que, de certo, eran o pesadelo dos caixistas de imprenta.

O invento da linguaxe descritora de páxina postscript en 1982 foi o xermolo da autoedición (é dicir os procesadores de texto), un diabólico invento que puxo a composición tipográfica dos libros (que antes executaban pulcros profesionais coñecedores do seu oficio) en mans dos autores, que, como vostede e coma min, son bidixitígrados sobre o teclado do cacharro, resultando que, de cada dez pulsacións, cinco son erros. Pero, ah, a ilimitada capacidade de corrixir sen trauma algún é unha patente de corso para autores desalmados que, no eido da creación científica e académica, perpetran auténticos atropelos á ortografía, a gramática, a coherencia, a boa tipogafía e a corrección estilística. Pero para iso estamos os editores. Que oficio, amigo meu, que oficio!