Un café

OPINIÓN

André Coelho | EFE

15 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ooutro día, un veciño fíxome lembrar a anécdota do ano 2007, cando un xubilado, a modo de queixa, lle preguntara nun programa televisivo a Zapatero, se sabía canto valía un café. O daquela presidente zafárase con 80 céntimos e houbo coma un reproche xeral por non estar na realidade e non saber que a cousa xa andaba por riba do euro nalgunhas cidades. Aquela suba xa viña de atrás, cando coa entrada do euro houbo case unha igualación coas antigas cen pesetas. O exemplo máis claro foi como aquelas tendas de todo a cen adoptaron o nome da nova moeda, sen cambiaren os produtos nin termos os traballadores unha transición semellante nos nosos salarios.

Estes días andei por Madrid e decateime de que alternar se volveu prohibitivo xusto por algo tan simple coma un café, que, se o tomas no centro, non baixa dos tres ou catro euros, mesmo cinco en locais máis turísticos onde a alta demanda permite multiplicar os prezos.

O cociñeiro Ferran Adrià adiantou na Coruña que en cinco anos a suba pode chegar ao 50 % porque vai ser difícil atopar persoal capacitado na hostalería porque quererá cobrar, como mínimo, máis de dous mil euros. Seica o sector anda tocado e a metade de locais non duran abertos máis de cinco anos. Talvez esteamos afeitos a comparar o que nos custa un café na nosa casa e esquecemos que esa marxe tan estratosférica de beneficio nun local cómpre para pagar moitas máis cousas ca unha simple consumición.

Teremos que aceptar esta nova realidade ou ficar na casa. Por iso, cando a esoutro veciño que sempre me pide para un café lle dei un euro, quedou a mirar a moeda cun xesto anoxado e reprochoume, como aqueloutro xubilado a Zapatero, que en Xinzo xa non abondaba esa cantidade para tomar un café.