Día das Letras para Andrés do Barro

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

17 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Dedicamos este 17 de maio á figura inmensa de Luísa Villalta. E xa que logo comezamos a pensar en cal será a decisión da Academia Galega para o ano que vén.

Nas quinielas hai un nome que soa por riba dos outros, e non é a quen eu vou defender aquí, neste artigo, e que xa o saben polo título que levan estas letras.

Propoño a Andrés do Barro co convencemento e a seguridade de saber que nunca llo darán. Por desgraza.

Hai anos houbo tentativas para chamar a atención da Real Academia Galega para dárllelo a Andrés do Barro. Como tantas, esa iniciativa morreu, sobre todo porque imaxino que as e os promotores da mesma tiñan claros os criterios da RAG, que sempre se centran en escritores que fixeron un traballo estritamente literario.

Por suposto que ben que o merecen, pero igual estaría ben que abrisen un pouco máis as mentes e viran con luces longas.

O Día das Letras haillo que conceder a alguén que destacase, na súa vida e na súa obra (non necesariamente literaria, os trobadores aos que hai anos se lles dedicou eran sobre todo músicos… coido que ninguén se parou a pensar nisto nunca) na defensa da lingua galega e as letras galegas.

Nese senso, Andrés do Barro, músico do Ferrol, inexplicablemente esquecido hoxe en día, compuxo e publicou discos en lingua galega en pleno franquismo.

Por se alguén non o sabe, conseguiu catro números un nas listas españolas. A partir de 1969.

Nunca ningún artista do Estado español conseguiu iso a non ser en castelán. Non o conseguiu Joan Manuel Serrat, que si que colou algún tema en catalán en Los 40 Principales. Andrés do Barro colou catro. E en galego.

En 1969 e 1970, cando os Beatles están reinando, tamén en España, Andrés do Barro consigue poñerse por riba deles e facer que en todo o país se cante en lingua galega. O Tren é xa memoria popular. E tamén o é para milleiros de persoas fóra das nosas fronteiras. Como el sempre dixo, e hai unha chea de entrevistas que dan testemuña (ou calquera das publicacións da voz máis experta que hai no noso país sobre el: Fernando Fernández Rego), el cantaba en galego «para dignificar a lingua de Galicia». A cita é literal. E fíxoo durante toda a súa vida. Que foi curta. Pero grande para nós.

Se algunha vez lle desen o Día das Letras a un cantante pop, coido que sería un enorme avance.

Malia o gran traballo que fai o equipo comandado polo presidente Víctor F. Freixanes, adoita haber, en moitos casos, un afastamento enorme entre a persoa escollida e a sociedade. Editoriais, ensino, todos se volcan e, case que sempre, nunca pasa nada.

Proben vostedes cun músico pop. Hai vídeos, hai películas, hai unha historia fascinante dalguén que puxo o galego como ferramenta de modernidade, vida e dignidade artística.

Déanlle, algún día, as Letras Galegas a Andrés do Barro.