Os valores do deporte

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

ANGEL MANSO

28 may 2024 . Actualizado a las 23:31 h.

O deporte galego está vivindo unha boa época, a nivel individual e tamén por equipos. Agora que estamos contentos polo ascenso dun equipo de baloncesto a primeira categoría, así como as permanencias e ascensos en distintas divisións no fútbol... o sentido de comunidade vese moi reforzado.

Xogadores e seareiros apértanse, choran, rin, saltan... celebran e ata despiden aos adestradores, que se van con bágoas nos ollos e pesar verdadeiro.

Ás veces penso que o deporte nos fai máis humanos. Que amosa o valor do esforzo, do compañeirismo e ata reforza a necesidade de ter e expresar os sentimentos. Mais logo todo volve á rutina do día a día e os adestramentos nas categorías inferiores poden converterse nunha batalla campal. E non precisamente porque os xogadores se deixen a pel intentando que o seu equipo sexa o vencedor. Vén sendo habitual, nas categorías inferiores que os pais provoquen verdadeiras pelexas. Porque o árbitro non avalía o xogo como eles pensan, ou porque o adestrador non actúa cos seus fillos ou cos opoñentes do xeito que esperan.

E iso xa deixa de ser deporte de equipo. Todo se volve egocentrismo, esixencia e presión. Tamén pasa en deportes individuais. Teño visto a pais berrar burradas e case insultos cara aos seus fillos porque as pernas non lles dan máis. Temín que o cativo quedase sen alento e se desmaiase ao chegar á meta. Mentres, o pai enfadado por non conseguir o obxectivo que el esperaba.

Vai ser que o deporte tampouco nos humaniza.