
O fútbol é unha paixón, máis ca ningún outro deporte de competición, por riba de idades, clases sociais ou ideoloxías. Velaí se non a volta da Irmandiña o venres en Balaídos. Paixón que une e mobiliza. Oito anos despois, as bancadas fervían de entusiasmo, por riba do resultado final, que non axudou. Mais tanto ten. A paixón estaba nas alturas. Outro día falaremos disto. Hoxe quero tratar do libro que Adrián Estévez Iglesias ven de publicar arredor do centenario do Celta, o noso Celtiña, que inclúe unha biografía de Manuel de Castro, Handicap, un dos fundadores do equipo en 1923.
O deporte entre nós empeza a ter estudos sociolóxicos e históricos con valor obxectivo, mesmo algunhas teses de doutoramento e proxectos universitarios de investigación. Lembro o traballo de Andrés Domínguez Almansa Historia social do deporte en Galicia (2009) ou a máis recente Historia do futbol feminino en Galicia (2023), que asina Héctor Pena, pasando pola Historia do Deportivo, de Xesús Flores e Xosé Mejuto (1993), que en realidade é unha historia da cidade da Coruña, dende os primeiros anos do pasado século XX, ollada a través do equipo.
O libro de Estévez Iglesias céntrase na biografía de Handicap, a quen outro xornalista e historiador local, o noso lembrado Gerardo González Martín, dedicara un traballo reivindicativo xa en 2011: Handicap creó el Celta. Agora que se celebra o centenario do club vigués (e logo que conseguiu manterse na Primeira División!) é unha boa oportunidade para visitar este libro de Adrián Estévez que en poucas páxinas dá moita información: Manuel de Castro ‘Handicap'. Crónica dunha paixón (Galaxia).
Manuel de Castro (Vigo, 1885-1944), cronista deportivo extraordinariamente popular na súa época, con proxección internacional, foi, xunto con Pepe Bar Vilaboa e Juan Baliño Ledo, promotor da iniciativa de fusión entre os dous clubs locais, o Fortuna e o Vigo Sporting, superando a rivalidade entre eles para crear unha sociedade que, nas súas palabras, puidese representar a Galicia polo mundo adiante; un club no que se recoñecesen todos os galegos, dentro e fóra do país, para o cal valoraron catro nomes: Club Olímpico, Club Galicia, Celta e Breogán. Eran anos de especial sensibilidade a prol do celtismo, que animaban entre outros Benito Vicetto e Manuel Murguía, o que en gran medida explica a elección da cruz de Santiago que figura no seu escudo, pensando nas comunidades da Galicia exterior, e as cores branca e azul do calzón e a camiseta.
No ano 1916 creáranse as Irmandades da Fala na Coruña, da man doutro xornalista, Antón Vilar Ponte; en 1923, o Seminario de Estudos Galegos. Non parece casual que Handicap apareza asinando a primeira nota deportiva en galego que podemos recordar: no número 11 da revista Nós. Titulouna «football».