Teñen que estudar os fillos no verán?

Celso Currás
celso currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

FÁTIMA DAPENA

24 jul 2024 . Actualizado a las 17:11 h.

As nosas vacacións escolares de verán, de case tres meses, son das máis longas dos países europeos, que, aínda tendo un número similar de días de descanso, repártenos doutro xeito ao longo do ano escolar. Hai que recoñecer, non obstante, que aquí unha medida deste tipo causaría problemas de conciliación familia-traballo ou de rendemento escolar coa calor estival.

A realidade é que, para a maioría dos estudantes que superaron o curso, as doce semanas sen clase son de absoluta inactividade intelectual, con perda do hábito de estudo e mesmo de competencias básicas de aprendizaxe. Os pais aspiran a que os seus fillos fagan os mellores estudos posibles co fin de conseguir unha boa formación e inserción laboral, pero esquecen que a práctica e a constancia son imprescindibles para acadar o éxito. Estudar de xeito irregular, só para saír do paso, acaba por resultar odioso e, como todo o que se fai á forza e sen ganas, non dá bos resultados.

A raíz do problema está en que os dous principais axentes educativos, familia e escola, non fomentan a satisfacción polo traballo intelectual, que os alumnos consideran un castigo, do que escapan sempre que poden. Resulta estraño ver un rapaz lendo ou estudando no verán, xa que se pensa que suspendeu materias que debe recuperar en setembro, pero non que quere formarse por propio interese, por afán de saber.

Os fillos teñen todo o tempo nas vacacións estivais para descansar e divertirse, pero é suficiente cunha hora e media diaria dedicada a unha actividade intelectual para manter engraxada a maquinaria cerebral. Se esta non se exercita con constancia, nos anos de estudante, é moi difícil conservar a capacidade de concentración e de memorización, así como o hábito de estudo. E a consecuencia máis inmediata son comezos de curso nos que hai que partir de cero, co que se atrasa moito a normalidade académica.

E, aínda que no verán sería ideal repasar coñecementos previos e manter un mínimo nivel de memorización, a actividade esencial, cada día máis esquecida nos fogares, é a lectura. Trátase de que o rapaz elixa obras que lle resulten atractivas, dentro do xénero literario que prefira, e de que lea algo todos os días para adquirir pouco a pouco un hábito lector que debería acompañalo sempre. Lendo vai mellorar a comprensión, a ortografía e a velocidade lectora, así como ampliar vocabulario, competencias esenciais para facilitar o estudo, que o alumno terá que practicar a partir do mes de setembro.