Música de fondo

Pedro Puy
Pedro Puy DIARIO DUN CASE ESCÉPTICO

OPINIÓN

Borja Sánchez-Trillo | EFE

28 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Guillermo Joaquín de Osma y Scull, ministro de Facenda no «Goberno largo» de Maura, tocoulle subir á tribuna para defender a reforma do imposto sobre os alcois á mesma hora na que pasaba por diante do Congreso o cortexo fúnebre dos actores Calvo e Vico en xuño de 1907. A conxunción das marchas fúnebres e a alocución de Osma levaron a Camba a concluír que «un ministro puede ser tan accesible como un poeta lírico a las influencias de la música». Ao Carlyle que definira a mediados do XIX á economía como a «ciencia lúgubre» teríalle gustado velo.

No pleno extraordinario do pasado martes, o Goberno perdeu dúas significativas votacións. A reforma da lei de estranxería, que pretendía impor o reparto de menores inmigrantes entre as comunidades autónomas sen garantir o correspondente apoio financeiro; e o chamado «teito de gasto», que en realidade son os obxectivos de débeda e déficit que o Congreso debe aprobar para o conxunto das administracións públicas como paso previo á elaboración e posterior aprobación dos Orzamentos do Estado, marcando a senda de estabilidade fiscal á que nos obriga a lexislación europea e española entre 2025 e 2027.

O PP votou en contra do teito de gasto por tres motivos. En primeiro lugar, pola pouca credibilidade das cifras. Apenas seis días antes, a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal fixera público un informe relativo ao cumprimento da senda fiscal en 2024, alertando do deterioro da situación das administracións públicas a medio prazo, e por tanto da necesidade de axustar os ingresos (máis impostos) ou os gastos («recortes») por importe de 10.700 millóns de euros antes de fin de ano. En segundo lugar, porque, partindo da base de que a economía está medrando (aínda que non sexa á velocidade de foguete), semella pouco responsable comprometer crecementos do gasto público continuos no tempo mentres o déficit estrutural (o que non depende da conxuntura económica) sitúase no 4 % do PIB, cando as novas regras europeas esixen que sexa do 1,5 %. É dicir, porque a senda presentada pode comprometer seriamente o equilibrio das contas públicas e o deseño do Plan Fiscal Estrutural de medio prazo (a 4 ou 7 anos) que España debe remitir en outono á Comisión Europea. O que leva ao terceiro motivo: lonxe de buscar o consenso co principal partido da oposición, o Goberno aprobou, coa súa maioría e no mesmo pleno, unha emenda na Lei de Paridade completamente estraña a esta norma, pola que se priva do poder de veto sobre o teito de gasto ao Senado, simplemente porque nel non ten a maioría.

Nada máis rematar a intervención da ministra, os de Junts convocaron á prensa ás portas do Congreso. Anunciaron o seu voto en contra do teito de gasto por motivos ben distintos: o Goberno non pon fin ao (suposto) espolio fiscal de Cataluña; aínda que todos os xornalistas entenderon que do que falaban era da investidura de Illa. A actual ministra de Facenda, á diferenza de Osma, non se caracteriza por ter intervencións lúgubres. Con todo, o martes non estivo tan leda coma noutras ocasións. E é que, mentres o debate continuaba no salón de plenos, desde fora chegaba o son do coro de Puigdemont. Ou pode que o que soase, como nos tempos de Osma, fose unha marcha fúnebre.