Recadar, repartir e gastar

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Andreu Dalmau | EFE

06 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Por fin está habendo un debate sobre financiamento autonómico. Non sen tempo. Foi longamente demorado dende antes do Estatut promovido por Maragall e Carod-Rovira, foi reclamado no seu día polo bipartito de Galicia e repetidamente por gobernos do País Valenciá. Chega agora da man dun acordo de goberno para investir a Illa en Catalunya, vinculado a unha conxuntura concreta e cun sentido da oportunidade política do que nestas páxinas xa deron atinada conta Nieves Lagares e Erika Jaráiz. Como ben di esta última, dende o color con que se mira. Como debe ser.

Polo de agora, estanse escoitando menos voces de expertas politólogas como elas ou de reputados economistas e facendistas, expertos en financiamento, que as voces do oportunismo político e do combate ideolóxico. Todas valen, todas son benvidas para construír unha conversación pública, que sempre será mellor, máis dotada de información e de argumentos que de prexuízos e fragmentos de apocalipse. Pouco experto son eu no tema, pero o asunto admite un enfoque histórico e algunhas preguntas.

Por que Madrid ten autonomía? Alguén lembra? Forma parte da historia doutras historias, as das autonomías reclamadas polas tres nacionalidades e algunhas outras rexións no proceso de conquista da democracia (1969-1977); despois estableceuse o café para todos e, tras o golpe de 1981, veu a harmonización do Estado autonómico. Despois máis café para todos: lembran cando desapareceu o territorio MEC e o territorio Insalud, ás veces con transferencias obrigadas a autonomías que non as querían? Foi entre os gobernos de Felipe González e de José María Aznar. Daquela comezou a práctica de gastar sen recadar, mesmo sen reparar. A semana pasada, unha carta ao director dun recoñecido xornal progresista de Madrid queixábase amargamente de como o Goberno español tiña abandonada a Sanidade naquela autonomía uniprovincial.

España non racha desta nin da outra. Debera saberse, por ter estudado historia contemporánea de Europa, que iso só e posible cunha guerra que ninguén quere, e menos que ninguén os superadores de ETA. O resto é política e máis un pouco de folk-clore. Rachar non rachará, pero debe axeitarse ás diversas lóxicas políticas, ambientais, económicas dun Estado plurinacional e ás demandas políticas dos seus territorios. O Estado autonómico, como o federal e o confederal, non é todo igual —amola ter que escribir isto—, abrangue realidades diferentes, créase para adaptar e integrar o distinto, co acordo dos diferentes, precisamente.

É de celebrar que a extensión do modelo autonómico a todo o Estado tivo evidentes beneficios descentralizadores: dificilmente habería unha universidade de Estremadura tan competitiva se as decisións as tomaran na rúa de Alcalá, nin potentes centros de investigación en Málaga ou un museo de Arte Moderno en Cuenca. Non, se o Estado mantivese a lóxica centralista da Restauración e das ditaduras, pero historicamente trunfaron os principios da república federal e os das autonomías da Segunda República. Mais non temos hoxe autonomías en España porque as reclamasen en Almendralejo ou en Toledo. Sígase hoxe facendo historia que boa falta fai.