Comedia política

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

María Pedreda

14 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Comedia. Despois de moito buscar, non atopo palabra que defina mellor a actuación de Carles Puigdemont o día que o Parlament catalán elixía un novo president que comedia. Se para moitos a aplicación do artigo 155 desencadeou unha traxedia, medida en anos de cadea, a acción de Puigdemont estoutro día en Barcelona só pode cualificarse de comedia. Xermolos xa había, ao cabo todo comezara en 2017 como consecuencia dunha declaración formal de independencia do president Puigdemont que só durou un par de minutos. Traxedia e comedia son unha constante cando se quere repetir a historia, porque os acontecementos históricos non se planean por imitación, desenvólvense dunha forma que nunca antes se dera. Xa na Declaración de 2017 había un certo xorne do pasado, Puigdemont sempre intentou darse uns aires de Companys que nunca conseguirá. Outros tempos outras vontades. A historia só se repite como comedia argumentou outro Carlos, de apelido Marx. E así acaba de acontecer.

A posta en escena do expresident e de Junts foi unha acción política que pretendía colocar en mala posición a ERC dentro do campo independentista, situar na suposta ilexitimidade a Illa para ser presidente, denunciar a persecución xudicial. O primeiro non o logrou, o segundo era disparatado porque Illa tiña os votos para ser investido; o terceiro só acrecentou a comedia, neste caso a xudicial, espindo aínda máis aos vingadores xusticeiros de cartón pedra e revalidando a lei de amnistía recen aprobada. Queda por saber que fará Junts agora en Madrid. Difícil de prever, pero despois do espectáculo desta semana a división en Junts podería ser máis doada que a unidade.

A política ten moito de representación, máis aínda no mundo moderno no que os políticos diríxense a través de diferentes medios ás multitudes, no que as masas fan parte da política, sexa en réximes democráticos ou non. De feito, canto máis autoritario sexa o dirixente en cuestión, máis esmero pon na representación, na posta en escena. Máis Trump que Biden, moito máis Bolsonaro que Lula. Mesmo pode dicirse que a través das diferentes formas de representar o poder, construír a súa escenografía e transmitir as súas mensaxes pode medirse o grao de autocratismo dos políticos. Poden comparar a Churchill con Mussolini ou a Berlinguer con Mao. Tampouco nada novo, a necesidade de representar o poder político é unha constante histórica, medida nos metros de fachadas dos palacios reais ou no tamaño da Coroa.

A aparición/desaparición de Puigdemont convérteo en Fantomas non en Quico Sabaté. O seu intento de evitar a elección de Illa lembra en formato comedia acontecementos americanos recentes en Brasilia ou Washington. Asombra a dificultade de ERC para tratar todo este asunto con máis claridade, tendo en conta non xa as estratexias políticas senón o elemento humano, que nunca pode obviarse. A falta de consideración, de fraternidade, mesmo de compaixón —teñen moi a gala a súa raíz cristiá— de Puigdemont con Junqueras e outros encarcerados foi oceánica. Nin un xesto. A mística da unidade nacional funciona asombrosamente ben, para mal.