O algoritmo é fascista

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NAÚFRAGO

OPINIÓN

Contacto / Rafael Hen | EUROPAPRESS

23 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai mil millóns de anos, cando comezaban as redes sociais e todos estabamos coma tolos en Facebook (Twitter, agora X, era aínda unha cousa sosa), escribín un artigo dicindo que había que regular o asunto, que non podía ser que calquera publicase o que lle petase, por exemplo unha mentira, ou un bulo, e non tivese consecuencias. Caeume de todo. Déronme ata nas orellas. Que quen era eu para pedir que se coartase a liberdade de expresión, coma se esa liberdade tivese que ver co dereito a mentir. Non é así e os que levamos toda a vida na prensa sabémolo ben: teño dereito a opinar o que me pete, pero non a mentir.

Hoxe, a cousa está totalmente fóra de control. Matan un neno de 11 anos e as redes énchense ao medio segundo de datos de xente que di que se o agresor era de tal etnia ou de tal nacionalidade. En Inglaterra hai xente linchada porque o bulo é máis forte que a verdade, e o que non tiña que ser máis que un delito provocado por un tolo converteuse, dende e grazas ás redes sociais (sobre todo a de Elon Musk, ou sexa, X, antes Twitter, cuxo algoritmo favorece as contas de odio), nun verdadeiro dramón social con, insisto, xente linchada, medo e violencia sen control. No caso español, non quero nin maxinar que acontecería se o agresor do cativo de 11 anos fose magrebí. Por certo, Musk apoia a Trump.

Como digo, o algoritmo de X está deseñado para que teñan protagonismo os chíos que polarizan, montan bronca e axitan a xente. Así que podo dicilo: o algoritmo de X é fascista, porque repudia a razón, o diálogo tranquilo, o intercambio de datos e a lóxica. Ten máis éxito dicirlle a alguén (téñenmo dito) «cállate, calvo» que un chío onde se argumenta con coherencia. As consecuencias dun algoritmo fascista son violencia, desestabilización e, sen dúbida, guerra.

Ou os gobernos democráticos, de verdade se meten a regular isto, ou cada vez as cousas irán a peor. E non abondará con que abandonemos as redes sociais. Esta batalla está perdida, e para millóns de persoas son máis fiables as burradas que escribe un tipo coma Alvise (así o fixeron eurodeputado) que a prensa seria, máis aceptables os exabruptos que as argumentacións, máis seguidos os insultos que a razón. E os nosos políticos, claro, que queren o poder, pois van nesa liña. E difunden bulos ou, cando menos, non se esforzan moito por desmontalos se entenden que iso desgasta o rival político.

É tempo de que alguén tome medidas en nome da verdade, a democracia e o sentido común. Porque, como deixemos que o algoritmo nos goberne, e xa está pasando, o noso futuro vai ser negro coma a alma de todos eses que, nas redes, atoparon o seu mar de vómito no que nadar. Tan felices.