Odiadores

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

07 sep 2024 . Actualizado a las 12:00 h.

Dicía o meu amigo Eduardo Aguirre nun artigo recente do Diario de León: «Tiras una piedra y descalabras a un odiador. A cien, si la tiras en las redes sociales». É verdade.

  Vivimos unha nova etapa da revolución das masas que, coa arma das redes sociais, conformaron a sociedade do odio na que todos estamos mergullados e da que ninguén pode desertar. Somos unha comunidade de odiadores. O mundo enteiro é un inferno de odiadores. E non falo do odio inevitable dos rapaces palestinos que sofren a barbarie dos gobernantes de Israel; nin do odio a tiranos, psicópatas, pederastas, violadores, maltratadores de nenos, de vellos, de animais, que eu teño por «odio honroso». Falo do odio absurdo, ridículo, dos españois irreconciliábeis polo trauma da Guerra Civil; do odio de Catalunya a España e o de España a Catalunya; do odio da esquerda á dereita e da dereita á esquerda…

Odiar é doado. Gran parte da miña vida pensei que para odiar cumpría ter madeira de odiador, e pode que así fose; pero hoxe, cando as masas son máis masas que nunca, calquera líder fanático pode crear un exército de odiadores. A uns válelles Lola Guzmán, a gandeira exmilitante de Vox que nas tractoradas de febreiro se enfrontou á policía berrando «Os mató a pocos la ETA, hijos de puta»; outros necesitan consignas dos líderes e xabaríns dos seus partidos políticos, ou os discursos velenosos de sisudos creadores de opinión; pero en todos os casos o odio une máis que a ideoloxía. E falo, claro, do odiador que tira a pedra, esconde a man e segue o proverbio «A mouro morto, gran lanzada».

Un empresario da comunicación como Santiago Rey Fernández-Latorre tiña que espertar envexas e odios en xornais da competencia e políticos fracasados, e non pode estrañarnos que uns e outros agardasen o seu pasamento para largarlle unha restra de acusacións.

Eu, como historiador da Autonomía galega en caricatura, quero rexeitar a máis importante: a de que Santiago Rey acabou co Goberno bipartito. É falso. Non puido acabar co Goberno bipartito, porque na práctica ese Goberno non existiu.

Os conselleiros do Bloque Nacionalista Galego (BNG), para non se contaminar co españolismo do PSOE, crearon un Goberno paralelo, presidido por Anxo Quintana, e tentaron converter a vicepresidencia da Igualdade e do Benestar Social, de Anxo Quintana, na vicepresidencia da Xunta, mesmo trocando o cartel polo de vicepresidencia.

Foi a deslealdade do BNG e a torpeza de Anxo Quintana quen fixo do bipartito un Goberno non nato.

Así foi como pasou e así o contei eu en viñetas.