Hai 15 anos que non se renova o financiamento das autonomías, agás leves retoques pactados entre algunhas delas e o Estado e protestado por outras. No 2021, nove presidentes conformaron unha maioría para defender criterios de dispersión e despoboamento, liderados por un Feijoo que considerou que en Galicia eran máis importantes as serras orientais, cunha densidade de poboación como a das Castelas e Aragón, que o eixo atlántico. Financiar o despoboamento alimenta unha idea errada da capacidade económica de Galicia e prexudica a autonomías máis dinámicas que, como a valenciana, necesitaban axeitar o financiamento ao seu crecemento demográfico.
O principio de acordo acadado en Cataluña abre a opción dun novo sistema de financiamento autonómico. Por riba dos partidismos populares e dos intereses do distrito federal encuberto chamado Comunidade de Madrid, Galicia necesita unha proposta no campo de posibilidades que agora se abre. Recadar, gastar, compensar solidariamente, veñen sendo os principios do sistema e nese marco poden darse moitas melloras na senda aberta en Cataluña, por razóns que desmenten o psicodrama teatral escenificado polo PP con guión e escenario da presidenta Ayuso.
A primeira ten que ver coa cantidade a repartir. De canto estamos falando?, dicía o reitor Meilán no Consello Universitario de Galicia cando tocaba falar do plano de financiamento. Falamos de moito máis que hai quince anos, porque hai máis recursos a repartir, por fondos europeos e polo mellor comportamento da economía española.
A segunda é que a negociación dos diferentes territorios con criterios singulares, axeitados ás súas condicións e necesidades —como Feijoo en 2021—, pode favorecer ás necesidades singulares dos diferentes territorios. En coherencia coa lóxica política do Estado autonómico constitucional. As autonomías farán propostas dende as súas diferenzas, porque son diferentes en necesidades e capacidades
Galicia precisa garantir o custe dos servizos sociais e de saúde con criterios de dispersión e avellentamento; o criterio despoboamento só serve para establecer coutos de caza, como está acontecendo no oeste de Zamora e outros territorios interiores. Seguindo o san principio de que non gastar sen recadar, gobernos do PSOE e PP foron cedendo capacidade recadatoria ás autonomías, pero aínda queda moito treito por percorrer para Galicia, por exemplo no imposto de sociedades. Un acceso máis directo ao financiamento europeo —non a través de Madrid— permitiría aproveitar mellor o dinamismo tecnolóxico empresarial e da I+D universitaria na captación de fondos. Tamén deben primarse as opcións territoriais de producir sustentabilidade, alimentos e bens comúns para a transición ambiental.
A solidariedade interterritorial sempre garantida, segundo estimacións de Albino Prada os datos son elocuentes: a desigualdade en PIB e renda dispoñible por habitante chega a ser de dúas veces entre estados nos EE.UU, de oito entre os da UE, entre comunidades non supera o 1,8 en PIB e 1,5 na renda/habitante. Nese camiño, Galicia necesita propostas.