Os dous bandos no eran iguais

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

BENITO ORDOÑEZ

10 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia recente de España está construída sobre un edificio de mentiras xeradas polos causantes da rebelión fascista do 36 e que se prolonga ata os nosos días. A cousa comezou no instante no que os gañadores da contenda soltaron aquilo de que había dous bandos e que pelexaron entre eles e que gañou un. Iso que Feijoo chamou «guerra de los abuelitos», como se non fose unha sublevación ben armada (nunca mellor dito) contra unha democracia occidental perfectamente lexítima e admitida por todas as nacións civilizadas do mundo. O que contaron daquela e o que nos contaron os que herdamos a educación franquista, e o que en boa medida se segue contando nos colexios é iso: o rollete das dúas Españas, os veciños enfrontados, vamos, como unha xuntanza da comunidade do edificio que se foi de madre. E non: aquí había unha democracia. A xente votaba cada catro anos, había partidos, candidatos, opcións, diálogo electoral e no Congreso. Logo, viñeron uns militares ultras e mandaron todo a paseo.

Se hoxe un grupo de xenerais, apoiados, poño por caso, pola Igrexa, os grandes terratenentes (hoxe serían as grandes corporacións económicas transnacionais) e un par de partidos ultraconservadores (e algún xuíz), se alzan e derrocan ao lexítimo presidente do Estado, en nome da patria, Deus, a tradición ou quen sabe que, se tal sucedese, todo o mundo se botaría as mans á cabeza porque todo o mundo entendería o ilexítimo de tal proceder. Sen embargo, o que se fixo no 36, que foi exactamente iso que veño de comentar, contouse, e segue contándose, como unha contenda entre bandos que «pensaban diferente». Sobre iso construíuse todo o demais. E afírmase, sen poñernos encarnados, que dalgún xeito a propia República foi a culpable de que pasase o que pasou. Que todo era un cristo e que a Franco «no le quedó más remedio». Á parte do infantil que é iso, ou do perverso que é iso, é unha mentira absurda. No fondo, é o argumento de sempre: culpar á vítima. Ou sexa, á rapaza violárona porque levaba a saia moi curta e claro, é que van provocando.

A mentira é dicir que os dous bandos eran iguais. E non, non o eran. A República abriu escolas. O franquismo matou mestres. A República deulle o voto ás mulleres. O franquismo relegounas ao interior da casa. A República legalizou o divorcio, a liberdade de culto. O franquismo converteu España nunha sancristía. A República era unha democracia. O franquismo, unha ditadura. Os dous bandos non eran iguais. A mentira continúa aí. Quizais por iso volveron os ultras co toda a súa forza. Porque non estamos contando as cousas ben. Seguimos mentindo.