As viaxes da idade

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

04 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O outro día, nun cruceiro ateigado de xente maior, nas instrucións de emerxencia avisaban que, diante dun naufraxio, o primeiro que hai que coller son os chalecos salvavidas e as medicinas. Parece estraño, pero non o é. Hai urxencias para calquera idade. Digo isto porque estes días espertei cun rumor de madrugada que nada ten que ver coa xente moza que se retira de festa. Este era o falar máis demorado dunha ringleira de persoas que agardaban diante da axencia de viaxes para procurar, un ano máis, os mellores destinos nesas vacacións subvencionadas que o Goberno, con xustiza, ofrece a xeracións de xubilados que tanto o merecen. Viaxar é bo. Por iso, no outono de todos os anos, a escena repítese e faime volver a moito tempo atrás, cando as fillas aínda eran cativas e fomos a Tenerife fóra de temporada. Para elas foi unha viaxe extraordinaria por ser a primeira vez que subían nun avión, por estaren nun hotel a pé de praia e, sobre todo, por descubriren as marabillas do autoservizo. Lembro a súa felicidade e a nosa relaxación ao velas encher os pratos de comida, coma se se estivese a operar un milagre. O que elas esqueceron é o ambiente das noites no hotel e a sensación de estarmos un pouco fóra de lugar, porque o hotel estaba tomado pola terceira idade. Nós debiamos de ser alí a única familia moza, e levamos como puidemos esas ceas con baile e bingo, un xogo que á volta tivemos que lles regalar ás fillas porque nese salón multitudinario as dúas cantaron cadansúa liña e recibiron mesmo os aplausos dese público que viamos case centenario. Dalgún xeito, esa experiencia foi coma xogar cos nosos avós e, agora decátome, como facelo co noso propio futuro, porque xa estamos ás portas desa axencia, agardando, co chaleco salvavidas e mais as medicinas.