![](https://img.lavdg.com/sc/9n9NWARlWo_ZPAXKCYbb-zasAR8=/480x/2024/11/11/00121731341882117123624/Foto/efe_20241031_143334852.jpg)
Cústame rexistrar a vida cronoloxicamente. Trátase dunha disfunción curiosa. Resúltame case imposible memorizar en que anos se produciron as guerras mundiais, a revolución industrial ou os tratados de paz máis importantes da historia. Calquera diría que non me interesa! Pero non sei que pasa no meu cerebro que, ao pouco de facer ese esforzo, esquézoo. Porén, logo de décadas sen usar o teléfono fixo, realizo o xogo (ou exercicio) de buscar na memoria o número do meu avó, da miña madriña... e saen á primeira. Incomprensible. Lembro tamén anécdotas do pasado con claridade.
Por exemplo, lembro o título dun conto que escribín cando contaba uns dez anos: Pontes de palabras. Daquela, nin se me pasaba pola cabeza dedicarme á enxeñaría, pero quen sabe se había algo de premonición.
Non podería detallar o contido, pero sei que falaba da importancia de chegar a un entendemento entre xente de distintas civilizacións e da solidariedade feita palabra. Veume á cabeza ao ler sobre as distintas construcións civís que quedaron arrasadas na zona de Valencia. A veciñanza, con carácter de urxencia, trata de restablecer as vías de comunicación sen levantar novas pontes, tarefa que levará moito máis tempo.
Non deixa de ser sorprendente como os habitantes son quen de recompoñerse e converterse en capataces mentres os dirixentes son incapaces das pontes máis sinxelas, as de tender cordialidade a través da palabra. Quizais por iso aquel relato, porque non pasa de ser un conto, ligado á irrealidade.