Imaxinas non poder decidir sobre a túa propia vida? A pesar de parecer unha visión distópica, as decisións que afectan á infancia son tomadas por adultos. Tal e como dixo Antoine de Saint-Exupéry: «Todas as persoas maiores foron ao principio nenos, aínda que poucas delas recórdano». Conforme medramos parece que tamén esquecemos a falta de voz e as ganas de cambiar o mundo propias dos nosos primeiros anos de vida. A mocidade é o presente e está en cada un de nós. Pero, aínda así, non formamos parte da toma de decisións que repercute e marca a nosa vida.
Todo neno, nena e adolescente debe poder alzar a voz, falar, participar. No ano 1989 recóllese este dereito na Convención Sobre os Dereitos do Neno, firmada por España no 1990. Inda así, en Galicia, de 313 concellos menos de 20 teñen un grupo de participación infantoadolescente baixo o programa de Cidades Amigas da Infancia de Unicef. Estes grupos actúan como xuntanza de mozos menores de idade para trasladarlle propostas ás administracións públicas municipais. Isto quere dicir, que a pesar de ser un dereito recollido, só unha minoría pode realmente opinar.
De todas formas, aínda tendo espazos de participación custa que a mocidade se anime a involucrarse. Isto débese a que a nosa sociedade non está baseada nunha participación activa, senón que aínda ten trazos autoritarios que pasan desapercibidos. Esta loita comeza deixando que o teu fillo escolla a súa roupa ou permitindo que os teus alumnos decidan a data do exame, porque unha sociedade que non participa dende a infancia non vai participar.
Deberiamos apostar polos nenos, nenas e adolescentes como motores sociais e deixar que se empoderen como axentes do cambio. Deixemos que se involucren e eduquen en todos os aspectos da sociedade de forma transversal, non unicamente nos relativos á súa idade, e colaboremos para acadar este obxectivo de desenvolvemento social.
A próxima vez que fales cun neno, non o infantilices por ser menor ca ti nin o trates de ignorante. Admírao, escóitao e dálle as ferramentas para que as súas capacidades poidan brillar. Só así conseguiremos un mundo involucrado coa súa contorna e coa súa comunidade, rico e diverso en opinións e moito máis amigable para todos os que vivimos nel. Tamén, dar a coñecer algunhas das iniciativas e colectivos que loitan día a día polo dereito á participación. Moitas grazas ás entidades dinamizadoras que fan isto posible. Feliz 20N. Feliz Día Mundial da Infancia.