Cando, tras coñecer o resultado das eleccións, se confirmou que Donald Trump sería de novo presidente dos Estados Unidos quedei abatida.
Eu sinto simpatía por ese país onde sempre me sentín ben tratada e apreciada. Estados Unidos foi para moitos europeos un país de acollida. Eu dei seminarios para falar sobre a miña obra novelística, e tamén fun como profesora para falar sobre como escribir unha novela, explicar a diferenza entre autor e narrador, as diferentes clases de narrador que se poden utilizar... E fun aprender de mestres importantes que vivían alí e transmitíanme a súa experiencia e os seus propios métodos.
Trump foi elixido co voto de moitas mulleres e dos cidadáns latinos, por que o preferiron a el? Non se pode dicir que sexa unha persoa de grandes valores morais.
A xente que eu coñecín cando vivía alí, non falo do grupo das universidades senón do cidadán corrente, pareceume que tiña un gran sentido práctico. E se o elixiron penso que foi porque é o que máis lles convén. O lema «América para os americanos» e o electoral «America first» que volve oírse creo que o demostra.
Un dos meus fillos díxome: «En catro anos é posible que o vexas desaparecer. Como xa tivo outro mandato de catro anos, deixará de ser presidente».
A España esíxenlle desde algúns países de América Latina que pida perdón por chegar alí en 1492 e facer o que na época era habitual: conquistar un territorio no que, entre outros costumes, ofrecíanse sacrificios humanos aos seus deuses.
Imaxínanse que nuns anos se esixese aos Estados Unidos que pedise perdón por elixir, non unha, dúas veces a un tipo como Donald Trump?
Penso que non caerá esa bévera.