Os xornais The Guardian e La Vanguardia deixaron X sinalando que se converteu nunha rede de desinformación e que eles non poden estar aí, igual que un sen número de persoas, máis ou menos anónimas, que liscamos porque preferimos o amor e a calma antes cá perpetua crispación e a estupidez imperantes en X. Hai quen leu o xesto coma un acto de protesta contra ese vínculo entre Estado, medios e redes que representa a alianza entre Trump e o dono de X, pero a fuxida vai máis alá.
Ningún deles oculta a súa desconfianza cara á democracia, xusto nesa antiga e ininterrompida democracia que é a estadounidense e que xerou a súa capacidade de pervertela para destruíla, como fixo Hitler. Pasa nas mellores familias: a quen tenden a axuizar o sistema americano desde este país que aínda lembra vivamente a súa propia ditadura, quixera eu lembrar como agromou o noso trumpismo estrutural antes de Trump, e como, a cada pouco, temos que reexplicar a separación de poderes, a extemporaneidade da monarquía ou o rol vixiante dos medios. Pero logramos pouco: quen consiga manexar o que os votantes saben terá o poder, pois verificar a información dá un traballo que o mentirán inviste en seguir mentindo. Por exemplo, a catástrofe de Valencia amosa a nosa impotencia diante desa política mentirana que trata de desviar a ollada das propias miserias. Claro que estas son teimudas, un lamazal. E quen marchamos de X seguimos sabendo o que pasa en Valencia con só erguer a vista e xulgar. Porque a realidade segue estando fóra de X.