A inocencia insuficiente

OPINIÓN

SERGIO PEREZ | EFE

04 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Diante das queixas do Goberno español de que o mundo se volveu do revés e que o inocente ten que demostrar que o é mentres o que o acusa lanza trolas a eito, pensei no enunciado dun artigo que lin estes días en relación con procesos tan complexos como son os da discriminación por motivo de ou por razón da discapacidade. Neste casos extraordinarios e dolorosos, se hai indicios fundados, correspóndelle, efectivamente, á parte demandada a achega dunha xustificación obxectiva e razoada. Algo xusto e entendible. Agora ben, o que non pode ser é que este mundo veloz e mediático das redes remate por converter a excepción deste artigo en regra ou, cando menos, en tendencia, e todos nos vexamos na obriga de dar explicacións por feitos que nos apoñen tanto persoas anónimas coma se non o son, pero que nos queren mal e teñen imaxinación dabondo para ergueren tanto mentiras elaboradas como absurdas. Se cadra o mundo agora xa é unha aldea desas en que calquera persoa contiñeira é quen de che facer un traxe a medida do que non te vas poder desfacer con facilidade. E o peor de todo é que o foco sempre vai estar posto sobre ti, non sobre quen cho fai. Nesta realidade alternativa, o mentireiro atopou nas redes sociais o seu paraíso ideal. Xa se fala da arte dos trolas, unha especialidade que só parecía reservada para escritores con talento, porque a literatura non deixa de ser unha mentira asumida por todos. O malo é que vai chegar un momento en que a inocencia xa non será suficiente. E teremos que nos render á evidencia dunha condena cando ese mentirán que se esforza en ser verosímil cree algo que a todo o mundo lle interese moito máis que a propia realidade, incluída unha parte da xudicatura.