Franco en TikTok

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Eduardo Parra | EUROPAPRESS

10 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O deputado de Vox Manuel Mariscal afirmou no Congreso, sen poñerse vermello, que «gracias a las redes sociales la juventud está descubriendo que la etapa de Franco fue de reconstrucción y unidad nacional» e que non foi «una época oscura». É difícil expoñer mellor o uso perigoso que as redes sociais teñen para unha mocidade á que, en liñas xerais, non se lles explica a recente historia de España. Porque non hai libro de texto que diga algo tan obvio como o seguinte (regálollo ás editoriais para que o usen sen pagarme nin nada): «En España había unha república legalmente constituída e en 1936 hai un golpe de Estado fascista contra ela». Porque, no básico, iso é o que pasou. Pero iso non se di. Ademais, agora, a diferenza doutras épocas, o profesorado, en xeral, confesa ter medo de dicir e de falar «de certas cousas» que «poidan ofender» a certas familias e que veñan montarlles un pollo.

Nunha cousa si que ten razón o señor deputado: a xente moza está educándose nas redes sociais. E Vox sábeo e por iso son o partido, haillo que llo recoñecer, que mellor traballa as redes sociais. Nese sentido, os partidos de esquerda fano bastante mal. Socialistas e nacionalistas galegos, nas redes, deixan moito que desexar. E como a ultradereita o fai mellor, triunfan entre unha mocidade que, como nos ensina o señor iletrado de Vox, aprenden sobre Franco o que non se lle conta na escola.

Trump anunciou hai uns días que no seu goberno, a nivel de educación, fará tres cousas: prohibición de certas lecturas nos colexios, redución de cartos para o ensino público e desvío deses diñeiros aos centros relixiosos, e agora o que nos interesa: sacar da educación a tiranía da historia. Con iso da «tiranía da historia» refírese a que hai que deixar de contar mentiras, tralará, que é iso de que os nativos americanos foron exterminados polo home branco, ou que a diversidade sexual é cousa boa. Non. Educación sen tiranías. No fondo, esa ecuación doutra ultradereitista que coñecemos ben: comunismo ou liberdade.

Entre as moitísimas cousas que temos que facer está a de educar ben á nosa rapazada. Están todo o día co móbil e aí, de cada cen cousas que miran, noventa son lixo. Non abonda con regular o que é difícil de regular. Abondaría con entender que hai que educalos. Facer unha educación seria en valores e en verdades. Que conte a historia como aconteceu antes de que un día gobernen estes que contarán unha historia alternativa, máis axeitada aos seus intereses e ao que eles entenden por mundo. Un mundo no que a diferenza, a disidencia ou, que ironía, a liberdade, non teñen cabida.