Galego: dereitos e deberes

Pilar García Negro
María Pilar García Negro PROFESORA DA UNIVERSIDADE DE A CORUÑA E ESCRITORA

OPINIÓN

María Pedreda

17 dic 2024 . Actualizado a las 17:11 h.

Leo que a Xunta «propón impulsar a lingua con voluntariados de galegofalantes». De primeiras, a miña alegría é ilimitada: servidora acumula cinco décadas neste labor! Unha vez pasada a euforia —disimulen a bobaxe— leo o conxunto da información e non dou creto. A Xunta demora vinte anos —vinte— en consignar diferentes campos de actuación que xa constaban en 2004 no Plan Xeral de Normalización Lingüística e que ficaron recluídos, sen cumprimento nin aplicación, no documento aprobado por unanimidade do Parlamento galego. 20 anos do plan e 41 da promulgación (sen reforma nin actualización ningunha) da Lei de Normalización Lingüística, unha adulta, por idade, que aínda non se emancipou e continúa a depender da inacción paterna.

Cantas veces haberá que lembrar que a concesión de dereitos, se non hai institucións garantes do seu exercicio, é auga de castañas? Cantas máis cumprirá recordar que existe fartádego de que se declaren-concedan dereitos con tal de que non se exerzan? Haberá que explicar, máis unha vez, que a desaparición ou mingua dos prexuízos sobre o galego non supón reparación do uso? Porque este, o uso, é a nai do año. O que lle falta ao galego é uso social e público, megafonía, prestixio emanado dos usos formais, cumprimento, en fin, da lexislación que os servidores públicos e os gobernantes deberan ser os primeiros en acatar, cumprir e facer cumprir.

Se non hai oferta garantida e continuada por parte dos poderes públicos, actitude positiva, que demanda vai existir? Que motivación? Que emulación? Que efecto multiplicador? Ora, o que resulta cómico de toda comicidade é acusar de inconveniente ou de contraproducente a práctica oral e escrita en galego de quen o leva facendo desde hai décadas, porque non convén «politizar» o asunto da lingua. Laus Deo! Quen politiza, quen aplica ideoloxía negadora da evidencia?: quen regula, restrinxe e reduce o uso normal (xeral, ubicuo, multifuncional) da lingua galega. Son acaso «pobres» os habitantes de Madrid, Palencia, Santander, Cuenca ou Sevilla por posuíren e usaren só unha lingua, a súa, o español, e só moi minoritariamente saberen outra? O paradigma de uso xeral da súa lingua vale para eles e é incorrecto para nós? A que se xoga con dúas barallas?

Levamos anos, décadas, de retraso lamentábel.

Autoridades da Xunta: pacten con vostedes mesmos, en primeiro lugar. Ingresen na legalidade de que se dotaron. Usen e programen o uso público da lingua galega, tal e como ordena a lexislación vixente. E organicen, como non, voluntariado nas súas actividades privadas...