Como Blake Lively é, en realidade, A-SuperEstrela-Blake-Lively, conseguiu que o The New York Times puxera a dúas das súas mellores reporteiras de investigación a escribir sobre o seu caso, un de tantos. Resumo: o protagonista e director da súa última película, Justin Baldoni, non contento con acosala durante a rodaxe e trala queixa formal de Lively solicitando a intensificación do protocolo de intimidade, contratou unha empresa de publicidade para «esnaquizala», segundo consta nun wasap publicado por The Times. En realidade, era unha publicista experta na propagación de mentiras que se fixo célebre por acabar con Amber Heard tralo divorcio de Johnny Depp, e vaia se a cousa funcionou. A típica idea de que coa actriz que protesta é mellor non traballar comezou a correr polos outeiros de Hollywood ata que a Lively non só deixou de soarlle o móbil, senón que perdeu 7 millóns polo fracaso da súa liña de produtos para o cabelo. O mellor de todo é que Baldoni, actor de medio pelo, só lograra un oco no lugar onde nas cunetas brotan os xenios porque, co #Metoo, declarárase feminista, e escribir un libro sobre nova masculinidade facíao idóneo para dirixir e coprotagonizar a película da discordia, unha historia sobre violencia machista que, trala denuncia de Lively, publicitouse coma comedia romántica.
Nisto do acoso, tanto ten ser unha estrela coma unha alumna de Arte Dramática. Sempre hai un Baldoni que perverte o discurso para obter sexo e servidume como dereito da súa caste, tan privilexiada, que pode ser parte mentres se vende como vítima do feminismo. Ese é o drama que vivimos as traballadoras da cultura, rodeadas de cultos feministas que usan a complicidade para agocharen un lobo que leu a Beauvoir.