
A delgadez formou parte do canon de beleza feminina desde que Wallis Simpson dixo que unha muller nunca é demasiado rica nin demasiado delgada. E esa señora fíxose famosa porque Eduardo VIII, rei de Inglaterra, renunciou ao trono para poder casar con ela. Non podía facelo sendo rei porque entón a Igrexa de Inglaterra non permitía que as persoas divorciadas volvesen casar se os seus ex cónxuxes estaban vivos, que era o caso de Wallis. O rei conservou o título de duque de Windsor e el e Wallis dedicáronse a pasearse polo mundo.
A min a frase da señora Simpson paréceme unha estupidez no que se refire á delgadez, entre outras cousas porque a sufro. A partir dos cincuenta anos, a xente en xeral e sobre todo as mulleres se ajamonan ou se amojaman. Eu son do grupo das amojamadas. Peso 48 quilos e mido 1,72 metros. Cando vou ducharme procuro non mirar ao espello porque non me gusta nada o que vexo. Pero non quero contarlles penas e vou contarlles unha historia divertida.
Aló por 1990 regulouse o marisqueo de ameixas e berberechos, labor que exercían case sempre mulleres, que tiñan que ir acompañadas pola Garda Civil porque eran insultadas por outras mulleres que foran excluídas por non ser profesionais. Cóntao Fernando Domonte en Contos de beiramar. A unha delas, chamada Asunción, chamáronlle porcona, monte de esterco, lagartona, peste negra… E a muller aguantou ata que lle chamou «gorda». Entón saíu disparada contra a insultadora e afortunadamente non a alcanzou porque confesa que a súa intención era arrincarlle a pel e facela anacos.
Nestas festas do Nadal lembren a beleza das modelos de Botero e gocen de todos os manxares que lles apetezan. Amén.