Lealdade e xenerosidade

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

M. MORALEJO

05 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Imposible non escribir hoxe de Quico: Francisco Domínguez Martínez (Santa Uxía de Ribeira, 1944-Vigo, 2024), enxeñeiro industrial, profesor na Universidade de Vigo, editor, xestor cultural, político comprometido cara á transición democrática dende o galeguismo, cristián seguidor das propostas do Concilio Vaticano Segundo, militante na solidariedade cos máis desfavorecidos (dende a dirección de Cáritas Diocesana, entre outras iniciativas), compañeiro no consello de administración de Editorial Galaxia, sucesor de Francisco Fernández del Riego na dirección da fundación Penzol, biógrafo… O seu pasamento deixa un buraco de ausencias entre os seus amigos, que eramos moitos.

Coñecino no ano 1975, cando se presentou un día na redacción de Radio Popular, onde eu empezaba a traballar, cun primeiro exemplar de A biblia dos nenos, unha experiencia editorial ilustrada que promovía a editorial Sept. Non sei se daquela xa el dirixía a editorial, mais co tempo asumiu esa responsabilidade coa xenerosidade e o entusiasmo que caracterizaron toda a súa vida. Dende Sept, unha iniciativa que en 1966 promoveran Xaime Isla Couto, Domingo Fernández del Riego e Alfonso Zulueta a prol do desenvolvemento dunha consciencia galega e galeguista dende o pensamento cristián, construíuse unha liña de reflexión e traballo que acadou o seu logro máis significativo na edición da Biblia en lingua galega. Os traballos comezaron en 1968 e remataron en 1989, un esforzo no que colaborou xenerosamente un amplo equipo de teólogos e lingüistas para verter o texto ao noso idioma dende as linguas orixinais (hebreo, arameo e grego) e que mereceu recoñecemento mesmo alén das nosas fronteiras. Nese proxecto, e na súa recente actualización, xa estaba Francisco Domínguez, xestionando recursos e equipos.

Colaboramos en Galaxia e na Fundación Penzol. No Centro Galego de Barakaldo aínda lembran o activismo de Quico cando o lanzamento dos premios literarios en lingua galega da institución emigrante en Euskadi. El sempre recoñecía que a experiencia da emigración (estudante de Enxeñería en Bilbao) e o compromiso relixioso foran os alicerces da súa incorporación ao galeguismo, que concretou durante un tempo na militancia no Partido Galego Socialdemócrata e no Partido Galeguista, mais sempre dende un espírito aberto e dialogante mesmo coas correntes de pensamento que non cadraban coa súa; un espírito moderno e renovador que en certa maneira sempre relacionei coa súa formación humanística e científica, home de empresa capaz de organizar equipos, exemplar no traballo e na coherencia dos principios.

Cando me pediron unha definición non dubidei: lealdade e xenerosidade. Lealdade ás propias ideas, consciente de que a firmeza propia non é incompatible coa comprensión dos que non pensan igual, e a xenerosidade de quen nunca pediu nada para si.