Irascibles

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Juan Carlos Hidalgo | EFE

10 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xente que simplemente ten a capacidade de facerte sentir mal. Xente para a que, pola razón que sexa, todo está mal, todo é negativo, todo é un grave problema imposible de solucionar. Xente que non tarda nin un segundo en comezar unha discusión ou en atopar un conflito onde non o hai. E a pesar de que unha intenta entender cales son as razóns que levan a esa persoa a comportarse así nese momento («terá un mal día», «atoparase mal», «terá un problema persoal»), ao final o único que consigo facer é afastarme deles. Illarme no meu pequeno mundo no que dar as costas á violencia é a única maneira posible de existir, e preguntarme que é o que nos leva a ser dun xeito ou doutro, que é o que nos encamiña cara esas dúas maneiras de estar.

Sei que hai tantos tipos de persoas coma persoas hai no mundo, e que dividilas en dous polos opostos non ten ningún sentido, pero, ou eu estou máis sensible que antes, ou ese perfil para o que todo está mal, ese perfil que desconfía do outro sen razón, ese que non para de criticar, está máis presente ca nunca? E entón matino sobre a idea de se fomos todos así nalgún momento das nosas vidas, e respóndome a min mesma que probablemente si («quen estea libre de pecado que tire a primeira pedra»).

Hoxe a irascibilidade está contaxiándonos por todas partes: nos medios escritos, nos faladoiros políticos, nos programas de entretemento, nas redes... Pero se aínda temos a capacidade de escoller, e eu escollo o camiño da xente que non perdeu a esperanza na condición humana, da xente que non se deixou levar pola escuridade, e se podo aférrome a el con toda a forza posible, pois a vida é moi curta para estar sempre enfadada.