Perspectivas económicas: 2025

Manuel Lago
manuel lago DEPUTADO NO CONGRESO POR SUMAR

OPINIÓN

Eduardo Parra | EUROPAPRESS

12 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Co elevado risco que supón facer previsións económicas neste tempo de enormes incertezas, o escenario máis probable para 2025 é a continuidade da fase expansiva do ciclo económico pospandemia, cun intenso crecemento tanto do PIB como do emprego, cunha baixa inflación, a mellora do poder adquisitivo, con equilibrio nas contas co exterior e cunha redución do déficit e da débeda pública. Como aspectos negativos están o reducido investimento e as dificultades crecentes de acceso á vivenda, tanto en propiedade como en alugueiro.

O 2025 será o quinto ano consecutivo de elevado crecemento do PIB, na contorna do 3 %, colocando a España na cabeza das grandes economías da Unión Europea, outro ano máis.

Un elevado crecemento baseado no reforzamento da demanda interna, grazas á mellora do poder adquisitivo das familias que, en 2025, se verá reforzado pola redución dos tipos de interese, que estimula a actividade e o investimento. O sector exterior terá unha achega lixeiramente positiva ao crecemento do PIB, grazas ao bo comportamento das exportacións, non só do turismo. Pero o principal factor que vai impulsar o crecemento no 2025 volverá ser o emprego. No 2024 a afiliación á Seguridade Social incrementouse en máis de 500.000 persoas e, con gran probabilidade, no 2025 volverá alcanzar unha cifra similar.

A Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre do 2025 situará o emprego por encima dos 22 millóns de ocupados, unha cifra récord impensable hai apenas uns anos.

A reforma estrutural do mercado de traballo realizada nestes anos cambiou o paradigma laboral en España: o emprego é máis estable e con mellores salarios, converténdose nun factor de estabilidade que impulsa o crecemento da economía.

No 2025 consolidarase a normalización da inflación, cun IPC máis preto do 2 % que do 3 %. O máis positivo en termos de inflación é a estabilización dos prezos da alimentación, que xa están a crecer por baixo do 2 %.

No próximo ano terá continuidade o proceso de consolidación das contas públicas, cun déficit público por baixo do 3 % e cunha débeda pública/PIB que seguirá reducíndose ata situarse en niveis similares aos que tiña no 2018.

Pero o máis que relevante desta senda de reequilibrio das contas públicas é que se fai aumentando os ingresos e non con recortes de gasto, como se fixo na década da austeridade.

Neste escenario global positivo hai dúas cuestións preocupantes. En primeiro lugar, o baixo investimento, en especial o empresarial, que leva varios anos estancado. As empresas non invisten porque dedican a maior parte dos seus elevados beneficios a reducir débeda, a comprar activos financeiros e a distribuír dividendos entre os seus accionistas.

En segundo lugar, a vivenda, que emerxeu como un grave problema derivado do incremento dos prezos, especialmente de alugueiro, polo abuso de poder de mercado dos propietarios e polo desvío da vivenda cara a outros usos especulativos. En síntese, o 2025 empeza con perspectivas positivas pero que se poden mellorar actuando en tres direccións: aumentando os salarios para potenciar aínda máis a demanda interna, impulsando o investimento público e, sobre todo, o privado para capitalizar o país e desenvolver unha política de vivenda que teña como primeiro paso o límite ao prezo dos alugueiros.