Historia dun compromiso

Alfredo Ramos DIRECTOR DE R E DO GRUPO MASORANGE EN GALICIA

OPINIÓN

16 ene 2025 . Actualizado a las 09:33 h.

Hai máis de 25 anos un grupo de mozos enxeñeiros regresamos a Galicia para responder ao desafío de R; nacía entón o operador galego de telecomunicacións por fibra óptica, que tiña como obxectivo ofrecer as mellores redes e os servizos telco máis avanzados á poboación galega. Apostamos por un proxecto pioneiro, non convencional, avalado por capital local e cargado de ilusións e compromisos coa nosa terra: eran plans para Galicia que falaban de investimento, de innovación e de futuro.

 Un cuarto de século despois, xa en 2025, atopámonos ás portas dunha nova era onde se impoñen a IA, o 5G, a computación cuántica e outras tecnoloxías avanzadas que revolucionan servizos, formas de traballo e moitos outros aspectos da nosa vida cotiá. Nesta transformación —profunda e velocísima— R está a desenvolver un papel fundamental para manter vivo o seu compromiso coa conectividade e a dixitalización da sociedade galega, e co seu desenvolvemento socioeconómico sostible.

Os 300 millóns de euros de investimento inicial en 1999 convertéronse, coa integración de R no grupo MasOrange, en máis de 2.300 millóns acumulados para a nosa terra, que nos permitiron levar servizos converxentes de teléfono móbil e fixo, internet e televisión aos fogares galegos e solucións punteiras de telecomunicacións ás empresas do territorio. Ao longo destes anos contribuímos a reducir de forma relevante a fenda dixital e a marca R consolidouse como a preferida polos clientes en Galicia. Pero a promesa da compañía non fica aí, porque comprometemos outros 200 millóns de euros para seguir desenvolvendo estas infraestruturas telco en beneficio dos nosos preto de 2 millóns de clientes na comunidade, entre R e o resto de marcas do grupo.

Hoxe, R é o referente primeiro das telecomunicacións galegas. Cubrimos con fibra óptica preto de 1,7 millóns de fogares e negocios, case que o 90 % do territorio. E onde a fibra non está dispoñible acudimos con «internet rural», estendendo accesos de calidade á rede mediante solucións 5G. Coa inminente despregadura do Plan Único 5G rural, R completará dende 2025 a instalación desta tecnoloxía en todos os municipios da Galicia non urbana para minorar ao máximo a fenda e responder á súa promesa de conectividade total nesta terra.

Vivimos nun mundo globalizado onde a dixitalización e os avances tecnolóxicos marcan o paso da xeopolítica, da estratexia económica e mesmo das nosas vidas cotiás e relacións persoais. Xusto por iso, a responsabilidade de R, impulsada e reforzada en MasOrange, é na actualidade aínda maior. Seguimos innovando dende a comunidade galega, seguimos comprometidos co investimento en servizos de calidade, seguimos preocupados pola sostibilidade das decisións que tomamos. Este esforzo consolida o legado de R, reforza a súa identidade e sitúa Galicia á vangarda das telecomunicacións, capacitada xa para competir coas rexións máis avanzadas do mundo.

Temos traballo inxente por diante pero tamén azos, ilusión e unha infraestrutura preparadísima que pode afrontar todos estes retos a prol do progreso para o territorio galego. E non esquecemos, de partida, o máis importante: que no centro de todo seguen estando as persoas, que é imprescindible pór ao seu servizo a tecnoloxía e crear un futuro máis xusto ofrecéndolles solucións respectuosas coa nosa terra e cumprindo a promesa de valorarmos e coidarmos a riqueza que nos fornece. Logralo, por certo, daralle percorrido e futuro ao soño daquel grupo de enxeñeiros que volvemos a Galicia para impulsar o proxecto de R.