As series sádicas

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

17 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Podería titularse tamén «Series para masoquistas». Dá igual o tema. A finalidade parecer ser a de facer sufrir ao espectador. Empezo a ver unha serie policiaca e aos dez minutos teño o corazón nun puño. A un mozo, que era unha promesa do fútbol, cortáronlle os dous pés estando vivo e deixárono morrer desangrado... Noutra, que se anuncia como comedia, os protagonistas son unha parella que ten un bebé que chora moitísimo e non lles deixa durmir. O pai, que é un consumidor de porros insaciable, traballa nunha cadea de televisión onde actúa como profesor de mozos adolescentes. Está sempre morto de sono e nunha ocasión queda durmido no seu coche coa cabeza apoiada no portelo aberto. Os mozos fan toda clase de xestos de burla ao redor da súa cabeza e culminan a broma metendo un deles o seu pene na boca do profesor, que se pon a chupala con entusiasmo.

Creo que os guionistas de series teñen a idea de que a comedia é un xénero menor, sen calidade literaria e que hai que «sacar ao espectador da súa zona cómoda», esa é unha frase que se emprega moito para xustificar barbaridades. Un dos procedementos é converter aos axentes que deben resolver os casos que se investigan en personaxes conflitivos, que sofren crises de ira incontrolable ou que son dun narcisismo patolóxico.

Cando vexo estas cousas boto de menos series como The Crown ou películas como O discurso do rei, ben construídas, ben contadas, capaces de manter ao máximo a atención do espectador sen arrepialo nin escandalizalo. Pero parece que o que o público busca agora son esas series que chamei sádicas. En fin...Cada tempo ten o que se merece.