![](https://img.lavdg.com/sc/3XY5EEVLpZxtYYRA3osUJuRx1II=/480x/2025/01/24/00121737737162189926882/Foto/eup_20250108_171734080.jpg)
Na Xunta non funcionamos a golpe de capricho. Cando hai uns meses anunciamos que solicitariamos ao Goberno central a transferencia das competencias en meteoroloxía, fixémolo con todas as consecuencias. E cando eu mesma asegurei no Parlamento que, en caso de ser necesario, lexislaríamos, tamén foi desde o convencemento de chegar ata o final. Non se trata, como se nos dixo cando reivindicamos o noso dereito a xestionar o litoral, de facer declaracións de independencia. Galicia ten moi claro o seu encaixe no Estado. Non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco menos. E procuramos aforrarlle tempo e cartos aos galegos. De aí que fagamos un razonamento sinxelo: por que non eliminar duplicidades?
Nós xa temos os medios. E son punteiros. MeteoGalicia dispón dunha rede de 160 estacións meteorolóxicas, a tripla das que posúe a axencia estatal, a Aemet. Ofrece información en tempo real en cada zona cada 10 minutos, ou o que é o mesmo, manexa 120 millóns de datos cada ano. Surte de información a Augas de Galicia para que o sistema Merlín nos axude a anticiparnos ás inundacións. E afinará aínda máis as predicións grazas á intelixencia artificial. Son feitos que o Goberno central non rebate cando xa vai deixando caer, sen sentarse a escoitar, que volverá a poñer todas as trabas imaxinables. De entrada, dan o «non» por resposta, o que evidencia que non hai detrás un verdadeiro fundamento; que so existen razóns de confrontación política. Xa percorremos ese camiño co litoral. É unha magoa que cada reforzo do noso autogoberno se convirta nunha carreira de obstáculos. Resulta ben curioso, por certo, como a oposición insta a lograr máis competencias, mentres cala ante os bloqueos que ordea Pedro Sánchez. Pero como laiarse non serve de nada, e na Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático somos pragmáticos, xa estamos traballando para dar cobertura legal a esta demanda.
Sen máis demora, como o que dicimos cumplímolo, o primeiro paso darémolo a través da lei do clima, que prevemos remitir ao Parlamento de Galicia no segundo semestre deste ano. Esta norma, ambiciosa e pioneira, será o vehículo que artelle o exercicio das competencias en meteoroloxía. Xa avanzo que co rigor e precisión, fronte a calquera pretensión de recorrela. Imos lexislar desde o convencemento de que, como no caso do litoral, os galegos somos os máis acaídos para ocuparnos do que temos máis preto. Do mesmo xeito que ninguén coñece mellor a nosa costa, tampouco ninguén pode presumir de ter máis experiencia co comportamento dos ríos ou sobre as zonas especialmente sensibles ás choivas. É a partir dese coñecemento no que se sustenta a nosa reclamación de poder emitir as alertas ante episodios adversos. Permitiranos actuar con maior coordinación cando o vento, as precipitacións ou a neve aconsellan adoptar medidas para preservar as vidas humanas, especialmente dos máis vulnerables: os máis pequenos e os maiores. Queremos o mellor para os galegos. Máis nada.