O día da toma de posesión de Trump escenificouse a morte da democracia tal e como a entendemos ata o de agora. Benvidos, pois, á ricocracia, o poder dos ricos, ou os ricos no poder. Con total descaro, sen filtros, sen disimulos, sen agochar nada, os homes máis poderosos do planeta demostraron o que xa sabiamos, pero ata o de agora estaba máis ou menos controlado: que o poder é cousa deles. Elon Musk é só un deles. É o ariete que vai por diante. Pero todos eles saben que é só o seu representante. Con total descaro, sen filtros, sen disimulos, sen agochar nada, os ricos entraron en escena para dicir: «Estamos aquí non para gobernar, senón para facernos máis ricos». Trump anima a Musk a que merque TikTok. Tanto ten se é un membro do Goberno. Esas son as novas regras do xogo.
Doulle a razón a Trump cando dixo que coa súa toma de posesión comezaba unha nova era. Pois si: a ricocracia. Tentemos unha definición: forma de goberno na que mandan os que máis diñeiro acumularon coa idea de facer as súas contas correntes máis grandes aínda. Porque Musk non está en política para mellorar as condicións de vida do pobo. Nin Trump. Están aí para facerse máis ricos. A novidade é que non o disimulan. Cando digo que morreu a democracia, dígoo en serio. Millóns de seres humanos que teñen que votar, ven o mundo a través do que os algoritmos que controlan Musk, Zuckerberg, Bezos (todos eles en primeira fila aplaudindo a Trump) queren que vexan. Para que unha democracia sexa real ten que haber criterio, independencia mental, formación. No instante no que un algoritmo decide que me deixa ver, no instante no que os donos dos algoritmos din que renuncian a que haxa criterios de verificación, ou directamente lanzan loiadas que as súas plataformas amplifican, a posibilidade real de entender o mundo vaise. E, sen esa mínima comprensión, o voto está condicionado, non é libre. É un voto dirixido.
A democracia liberal colapsou. Os valores que naceron logo da Segunda Guerra Mundial saltaron polos aires. O capitalismo vence na súa versión máis perversa: millóns de persoas que non son nin clase media, que non chegan a fin de mes, que non poden poñer case a calefacción entréganlles o poder, e polo tanto o destino das súas vidas, aos ricos, aos que teñen todo, aos que, se chegaron a ricos, non foi precisamente por amosar escrúpulos e pensar nos máis desfavorecidos.
A globalización, da que levamos falando dende os noventa do século pasado, chegou ao seu cénit grazas ás redes sociais, que diciamos que viñan democratizar o discurso e viñeron a facer xustamente todo o contrario. Non hai disidencia posible. O pensamento único imponse sen oposición. Por iso, o presidente pode asinar decretos que son obxectivamente malos para a xente mentres esa xente aplaude feliz.
Benvidos á ricocracia. Benvidos á distopía.